Ameijide acusa a Tomé de “pretender estar por enriba do ben e do mal” tras coñecer que a Fiscalía investiga a tala de árbores do Fogar de Santa María

por Redacción Lugo

O Grupo Provincial Popular esixe explicacións ao bigoberno de PSOE e BNG sobre a súa responsabilidade e solicita formalmente acceso ao expediente para coñecer se a Deputación de Lugo conta coas autorizacións necesarias

Antonio Ameijide acusa a Tomé de “pretender estar por enriba do ben e do mal e pensar que pode saltarse a lei”. Así o manifesta tras coñecer que a Fiscalía inicia investigación sobre a tala de árbores no Fogar de Santa María, nun entorno que forma parte do BIC do antigo hospital de Santa María e da Muralla de Lugo.

Á vista de que o xulgado vén de incoar dilixencias previas por posible delito contra a flora en resposta a unha denuncia dunha sociedade ecoloxista na que solicitaba a paralización cautelar e urxente da tala, o Grupo Provincial Popular quere saber que responsabilidades pode ter a o goberno PSOE-BNG da Deputación de Lugo.

Nese sentido, o Grupo Provincial Popular solicitará formalmente explicacións ao goberno da Deputación de Lugo sobre a tala de árbores do Fogar de Santa María. Os populares piden acceso ao expediente para coñecer se a Deputación Provincial conta cos permisos ou autorizacións que sexan precisas.

O portavoz popular considera que “non pode ser que impediran aos deputados do Grupo do PP entrar nestas instalacións provinciais a comezos deste mes e tampouco pode ser que se impedise a entrada aos axentes medioambientais que o sábado se dispoñían a verificar que non houbera niños nin ovos, que é a única competencia da Xunta ao respecto”.

Ameijide condena, ademais, a “total falta de sensibilidade do bigoberno” tanto coa protección do patrimonio da cidade por tratarse de árbores históricas e moi vencelladas coa zona centro, co mantemento de zonas verdes na cidade e cos propios veciños que se teñen pronunciado en contra da tala das árbores centenarias.

“Esta actuación, que responde ás políticas de desertización da cidade por parte  dos gobernos local e provincial, contrasta coa postura de PSOE e BNG con respecto ao trazado da rolda leste ao que se opoñen empregando criterios medioambientalistas; a pesar de que durante anos foi unha demanda unánime por parte dos distintos grupos da corporación local, incluídos socialistas e nacionalistas”, engade o popular.

Uns traballos “pola porta de atrás”

O pasado mes de maio Patrimonio Natural paralizara estes traballos ao constatar a presenza de niños de aves. Pero a tala das árbores centenarias nas inmediacións da Muralla foi retomada pola Deputación Provincial este sábado, 19 de agosto.

O portavoz, Antonio Ameijide, xa manifestara a súa inquietude ante a tala de árbores nun sábado de agosto “pola porta de atrás, como se os quixeran facer a escondidas”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario