Ante a escaseza de chuvias, e de non variar a situación climatolóxica nos próximos días, non se descarta establecer cortes temporais do subministro
O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, acompañados por técnicos municipais, mantiveron unha reunión con René Rodríguez, responsable de operacións de Viaqua (empresa concesionaria da prestación dos servizos de abastecemento de auga e saneamento) e o seu adxunto Castor Maduro, para repasar o estado actual dos tres puntos de captación que existen no municipio ante a activación por parte de Augas de Galicia da prealerta por escaseza de auga no sistema de explotación do río Anllóns.
Precisamente nese río existen dous puntos de captación: o principal, en Gabenlle, onde xa existe un descenso no nivel do caudal, e o de Paiosaco, unha infraestrutura de pequena entidade que abastece a esa mesma vila e a varios núcleos da parroquia de Lestón. En Caión a auga da traída procede xeralmente dos mananciais de Corteo. No momento actual, e debido á escaseza de chuvias, a zona de Corteo non presenta aporte e, por tanto, o subministro a Caión é asumido desde a captación de Gabenlle.
Segundo comunicaron os responsables de Viaqua aos representantes municipais, a situación actual, no caso de que se manteña a mesma climatoloxía durante os próximos días con altas temperaturas e escaseza de chuvias, implica a posibilidade de ter que establecer unha situación de cortes temporais do subministro de acordo ao estipulado no plan municipal de emerxencia ante situacións de seca.
Neste sentido, faise un chamamento a toda a cidadanía para ser o máis estritos posibles nas recomendacións establecidas recentemente polo Concello e Viaqua para un consumo responsable, tales como a prohibición da limpeza de vehículos -a excepción das empresas dedicadas a esa actividade-, o enchido das piscina e outras accións en actividades cotiás -cociña, alimentación, aseo, etc.- que favorezan o aforro da auga.
Cabe lembrar que o Concello ten suspendida a rega nas zonas verdes públicas e tamén o servizo de duchas na praia de Caión.