Julio Torrado acusa á Consellería do Mar de “burlarse” do sector extractivo por negar que haxa perda de produción nas rías
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, emprazou hoxe ao goberno galego a resolver “de maneira inmediata” as solicitudes de axudas por causa do paro do libre marisqueo decretado pola Consellería do Mar en xaneiro do 2023. Torrado acusou á Xunta de negar a realidade da caída de produción marisqueira para evitar ofrecer solucións.
O parlamentario socialista lembrou que o grave problema do sector marisqueiro de Galicia está na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha “intervención clara e con decisión de calado” sobre a situación das rías. Insistiu en que esta difícil situación para os mariscadores precisa visión e claridade por parte do organismo máximo responsable como é o goberno de Galicia.
O deputado sinalou que unha das graves consecuencias que trae a perda de produción nótase claramente nas épocas de libre marisqueo, onde a cantidade de produto está a ser cada vez menor e atópanse escenarios que precisan de peches anticipados e de necesidades de vedas para buscar a rexeneración, e por este motivo tivo que decretarse o paro da actividade extractiva.
Este paro do libre marisqueo, competencia autonómica, foi decretado en xaneiro pero non foi ata abril que a Xunta de Galicia emitiu a orde que as regulaba, agardando tres longos meses nos que o colectivo do marisqueo “viviu nunha incerteza”. Tras ser publicadas, apenas unhas semanas antes das eleccións municipais, o sector tivo de marxe ata 2 de xullo para solicitar e presentar toda a documentación. “É dende entón que volveu a desaparecer a información e non existe concreción nin ningún dato sobre o que vai suceder, nin cando”, concluíu Torrado.
O responsable socialista lamentou que a Consellería leve 7 meses dende o paro decretado sen dar información oficial sobre a resolución dunhas axudas necesarias para os traballares e traballadoras do mar que, nalgúns casos, están sostendo as economías familiares mediante créditos bancarios que deben devolver.
Apuntou que dende a Xunta levan negando a realidade de maneira sistemática anos, tratando de ofrecer interpretacións alternativas dende o goberno galego que reducen ou invisibilizan esta caída nos datos de produción marisqueira que está afectando ao sector.
Reclamoulle á Consellería que asuma a situación e comece a traballar para ofrecer solucións atendendo ás propostas do propio sector, que leva anos reclamando dragaxes, o control de descargues de encoros, controis de vertidos ou un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros.
O representando socialista apuntou que a Xunta, quen é a responsable de decretar o paro, de convocar as axudas e de resolvelas, está a provocar unha enorme inseguridade no sector que, ao problema da perda de produción das rías sobre a que o goberno galego non actúa decididamente, ten que sumar a letanía dos procedementos e a demora inxustificada.
Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista insta tamén á Xunta a abrir unha partida especial para poder compensar aquelas perdas económicas, debidamente xustificadas, que foran causadas ás persoas solicitantes por causa da inxustificada demora por parte do goberno da Xunta de Galicia.