O Grupo Municipal do PP esixirá no Pleno a eliminación das barreiras arquitectónicas en Sarria

por Redacción Lugo

A voceira popular, Carmen José López, recordou que «a día de hoxe persisten no municipio múltiples barreiras arquitectónicas que son postas de manifesto de forma reiterada por persoas con mobilidade reducida»

O Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha moción para someter a votación no próximo pleno ordinario, a celebrar o derradeiro xoves de agosto, na que insta ao goberno local á “eliminación das múltiples barreiras arquitectónicas que dificultan o tránsito e a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida”.

A portavoz do Grupo Municipal, Carmen José López, recordou que “a día de hoxe persisten no municipio de Sarria múltiples barreiras arquitectónicas que son postas de manifesto de forma reiterada por persoas con mobilidade reducida”. Tras manter encontros con distintos afectados, lamentou que “os responsables do Concello mostren unha absoluta falta de preocupación e que non fagan nada ao respecto a pesar de que moitas das barreiras foron postas en coñecemento de distintos membros do goberno local en múltiples ocasións”.

López defende que a moción pretende dar resposta a unha necesidade que xa foi trasladada: “Non é aceptable que as persoas que precisan de cadeira de rodas ou outros dispositivos de asistencia non poidan transitar por algunhas rúas da vila sen asistencia doutra persoa”.

“Queremos que Sarria sexa unha vila efectivamente accesible, unha circunstancia que non se dá actualmente”. Neste sentido, a portavoz do PP sinalou algúns dos principais problemas:

  • Ausencia de rebaixes en beirarrúas que dan acceso a pasos de peóns
  • Mal estado e incluso levantamento do firme de moitas beirarrúas
  • Excesiva pendente nalgunhas das ramplas
  • Reducido espazo nos accesos para cadeiras de rodas

A moción pretende non só mellorar a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, senón tamén a accesibilidade e tránsito de carros de bebé, etc.

A moción do Grupo Municipal Popular propón para a súa aprobación pola corporación:

1.- Que se encargue a redacción dun proxecto que actualice a supresión de barreiras arquitectónicas en Sarria a fin de que, unha vez realizado, se executen polo Concello as obras recomendadas polo mesmo de forma que se garanta o tránsito seguro e axeitado para persoas con mobilidade reducida, precisen ou non de dispositivos de asistencia.

2.- Que no caso de merecer a aprobación do pleno se inicie a contratación a maior brevidade posible, dándose conta, no seguinte pleno do estado da contratación do proxecto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario