A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que garanta que as mulleres galegas poidan exercer o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo no centro público máis próximo e con persoal sanitario que non apele á obxección de conciencia.
A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego que garanta o cumprimento pleno en Galicia da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Considera “de todo punto inadmisible” o concurso presentado pola Consellería de Sanidade en agosto para externalizar o servizo ambarándose no “dereito a exercer a obxección de conciencia”.
Díaz alerta da contradición total desta decisión coa intervención do propio conselleiro, que en xaneiro deste mesmo ano respondía a unha Interpelación do Grupo Socialista dicindo que “a obxección non é problema”. Na mesma intervención aseguraba que Galicia “conta xa cos medios nas sete áreas sanitarias”, sempre “dentro do sistema público”.
Censura que precisamente neste verán veñamos de coñecer a intención do Sergas de externalizar o servizo amparándose precisamente na “falta de recursos, tanto materiais como humanos”, e por iso queren contratar a interrupción voluntaria de embarazos de menos de 14 semanas de xestación cun custe de 500.000 euros durante os próximos 3 anos, prorrogable a 5.
A parlamentaria socialista advirte que esta decisión contradí a Lei 2/2010, que foi modificada a comezos deste ano para garantir que a rede pública sexa a de referencia e que as mulleres que decidan abortar poidan facelo no centro público máis próximo á súa casa. Tamén esixe que as comunidades autónomas organicen os seus recursos para que eses centros dispoñan sempre de persoal que non se declare obxector de conciencia.
Noa Díaz esíxelle á Consellería de Sanidade que presente un informe anual cos datos do rexistro dixital de interrupcións voluntarias do embarazo do Sergas, así como dos abortos practicados en clínicas privadas derivados da pública, explicando ademais os motivos da derivación.
O Grupo Socialista reclámalle ao goberno galego que amose o “rexeitamento a calquera posición que vulnere os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres amparados na lexislación vixente”, e que eliminen das subvencións públicas a aquelas entidades que promovan posturas que non respecten estes dereitos conforme á vixente lexislación.