A voceira do PSdeG-PSOE de Oleiros, Carmen Acuña, lamentou a “falta de previsión do Concello” no referente á seguridade nas festas de Santa Cruz

por Redacción A Coruña

Festas nas que tiveron lugar varios altercados violentos que alteraron o desenvolvemento das mesmas. Mentres, “a escasa policía local destinaba todos os seus esforzos a retirar por medio da guindastre da ORA os coches mal estacionados sen una señalizacion adecuada”, denuncian os socialistas.
Acuña sinalou que “non había unha dotación suficiente de axentes da policía local, nin outros recursos por mor dunha falta total de planificación” por parte do Concello de Oleiros, o cal propiciou “a aparición de episodios de violencia e múltiples botellóns”.
A voceira socialista destacou “a importancia das festas de Santa Cruz e o gran labor da Comisión de Festas”, e lamentou a aparición de episodios violentos “no que ata o de agora era un evento tranquilo”.
“Lembramos tamén que no seu momento reclamamos a instalación do Punto Violeta, que finalmente só estivo activo só dous días durante apenas un par de horas”, engadiu tamén Acuña. «Finalmente, foi denunciada unha agresión sexual, que lamentamos fondamente, trasladamos á vítima todo o noso apoio», sinalou.
«Dende o grupo municipal socialista,  imos seguir analizando os feitos, así como as circunstancias que provocan que a presencia da Policía Local en Oleiros sexa cada vez mais escasa, o que se une aos poucos recursos dos que dispón de protección civil», afirmou a socialista.
«Ademais, sabemos ben que o alcalde non di a verdade cando asegura que pediu reforzos, e agradecemos o labor da guardia civil de Oleiros e das vilas da comarca, que non dubidaron en vir axudar», engadiu.
Os socialistas de Oleiros ofrécense «a apoiar no que poidamos á comisión de festas nas súas demandas, condenando a postura do alcalde, que na súa liña habitual, busca culpables en lugar de solucións». Acuña concluíu desexando “unha pronta recuperación aos feridos nos diversos altercados que tiveron lugar na fin de semana».

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario