Censura a falla de “ningún tipo de plan específico e ambicioso” por parte do goberno galego e reclama “medidas efectivas, transversais e de consenso” para facilitar o acceso da mocidade á vivenda propia
A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Noelia Otero, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que poña en marcha unha estratexia galega de emancipación da mocidade ao comezo do próximo curso político. Otero alerta da falla dun “plan específico e ambicioso” por parte do goberno galego para facilitar o acceso á vivenda dos máis mozos.
A parlamentaria socialista lamenta o desleixo do goberno galego diante dun problema que está a afondar na crise demográfica desta Comunidade Autónoma, como é a incapacidade dos máis mozos para acceder a unha vivenda e comezar unha vida propia. Esta situación, alerta, ten consecuencias sociais e económicas directas sobre o futuro do país.
Noelia Otero urxe a poñer en marcha “medidas concretas e planificadas de xeito transversal que complementen as axudas á vivenda contempladas dende o goberno do Estado”, como é o caso do Bono Alugueiro Mozo ou as partidas enmarcadas dentro do Plan Estatal de Vivenda dirixidas cara ás e os máis novos. Reclama “medidas efectivas, transversais e de consenso” para impulsar o acceso á vivenda dos mozos e mozas.
Apunta que a falla de políticas públicas de vivenda por parte do goberno da Xunta “provoca graves consecuencias na poboación en xeral e na mocidade en particular”. Hoxe, unha persoa nova ten que aforrar 2,9 anos de salario para pagar a entrada a unha vivenda, ou ben dedicar o 60 por cento do seu salario ao pago dun alugueiro, sen ter en conta os subministros e servizos, co que a idade media de emancipación sitúase nos 30,3 anos, a máis alta en 20 anos.
A responsable socialista reclámalle ao goberno galego que se mire no espello doutras comunidades autónomas, como é o caso do País Vasco, que ten posto en marcha unha estratexia con 10 proxectos tractores e 26 iniciativas complementarias co obxectivo de reducir a idade media de emancipación aos 28 anos en 2030.