A Manzaneda Gran Fondo supera os 200 participantes na súa primeira edición

por Redacción Deportes

A marcha cicloturista da Federación Ciclismo Galego ofrece este domingo dous percorridos, un de 88 e outro de 127 kilómetros, polas comarcas de Terras de Trives e Caldelas

A conta atrás para a estrea dunha das principais novidades no calendario ciclista deste ano chega a súa fin. Este domingo, dende as 09:30 horas, celebrarase a primeira edición da Manzaneda Gran Fondo. A marcha cicloturista ideada pola Federación Ciclismo Galego propón rodar, explorar e desfrutar coa estación de montaña ourensá como punto de inicio e final. O evento tivo unha gran acollida entre os amantes da bicicleta e a cifra de inscritos sitúase por riba dos dous centenares. O prazo para anotarse remata este mércores ás 23:59 horas (fai clik nesta ligazaón para apuntarte). 

Os participantes poden escoller entre dous percorridos, o Gran Fondo de 127 quilómetros e o Medio Fondo de 88. Os corredores profesionais Carlos Canal (Euskaltel Euskadi), Delio Fernández (Tavira), Ángel Sánchez (Mortágua) e o handbiker nove veces campión estatal Iván Montero (Paraciclismo Galicia) formarán parte do pelotón que transitará polas estradas das comarcas de Terras de Trives e Caldelas.

imagen

A marcha foi presentada na Estación de Montaña de Manzaneda. “A paisaxe é incrible e o terreo durísimo”, sinalou Carlos Canal. O ciclista de Xinzo de Limia lucirá o dorsal número pedaleando pola súa provincia: “É unha oportunidade para mostrar esta zona e o abano de deportes que se poden practicar en Manzaneda”.

Na mesma liña, Víctor Picos, director da Estación de Montaña de Manzaneda, subliñou a importancia de “dar a coñecer esta zona, os seus atractivos turísticos, a súa gastronomía… Estámoslle dando unha volta bastante importante á Estación e convidamos a todo o mundo a que veña a visitarnos”. A iniciativa que verá a luz este domingo definiuna como “o ‘culmen’ da nosa programación deportiva”.

O acto no que se desvelaron os detalles do evento tamén contou coa presenza de Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Francisco Rodríguez, alcalde de Chandrexa de Queixa; Aarón Álvarez, tenente alcalde da Pobra de Trives; Cecilio Santalices xefe da área de turismo na provincia de Ourense; Javier Barja, xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

Sete concellos

Esta actividade deportiva e de lecer circulará por un total de sete concellos: Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo e Chandrexa de Queixa. A Manzaneda Gran Fondo non é unha competición e moverase controlada por un dispositivo que garantirá a seguridade. Iso si, cada ciclista poderá poñerse a proba elixindo o ritmo que máis lle conveña no treito libre e cronometrado da subida final ata a Estación de Montaña.

As dúas rutas comparten as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 km e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros 7 km son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 km das ramplas que conducen ata a liña de meta quedan nun 3,4% de pendente media.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario