A concelleira socialista Yoya Blanco lamenta que os nacionalistas decidan «racanear» á hora de desenvolver iniciativas de dinamización «xusto nunha volta ao cole que será especialmente cara, cun gasto medio por neno de máis de 500 euros» e cando a súa propia voceira, Ana Pontón, «defende medidas como a implantación dunha tarxeta escolar para familias con poucos recursos». «Poden comezar predicando co exemplo alí onde gobernan e botar unha man ao comercio e ás economías familiares de Pontevedra», sostén Blanco
O Grupo Municipal do PSOE afea ao Goberno do BNG «a súa absoluta falta de sensibilidade co comercio local e co bolsillo das familias de Pontevedra» ao suprimir as «imprescindibles e exitosas campañas de Volta ao Cole» que os socialistas desenvolveron durante os últimos catro anos. A socialista Yoya Blanco, que estivo á fronte da Concellería de Promoción Económica e Turismo no anterior mandato, lamenta que, «xusto cando as economías familiares deben afrontar unha volta ao cole especialmente cara, cun gasto medio de 500 euros por neno, en roupa, material escolar e libros de texto, e na que se calcula que un 76% dos pais recorrerán a empréstitos ou anticipos de tarxeta para poder financiar o curso», os nacionalistas decidan «racanear» en iniciativas de dinamización «que resultan cruciais para a caixa do comercio de proximidade».
En opinión de Blanco, «esta ausencia de empatía co pequeno comercio e as familias pontevedresas contrasta de xeito moi chamativo co posicionamento que vén de expresar a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reclamando o impulso dunha tarxeta escolar de entre 250 e 500 euros para que as familias con rentas inferiores a 12.000 euros poidan acadar material escolar». «Coincidimos con Pontón no diagnóstico que fai sobre a total desidia e desprezo que o PP e a Xunta amosan sobre a sofocante situación que deben afrontar as familias neste inicio de curso, pero non estaría de máis que tamén lles esixa aos membros do seu partido un pouco de sensibilidade neste eido. Mentres o PP reflexiona sobre a importancia da educación pública e universal e do pequeno comercio, o BNG pode comezar predicando co exemplo alí onde goberna e botar unha man ás economías familiares e aos comerciantes de Pontevedra», sostén a concelleira do PSOE.
As campañas de ‘Volta ao Cole’ que a propia Yoya Blanco impulsaba desde o Concello capitalino permitían fomentar que as compras de material escolar e outros enseres básicos se levaran a cabo a través dos establecementos e tendas do comercio local, tendo como un dos principais incentivos o sorteo de vales de 70 euros entre os clientes que realizaran as súas adquisicións durante a campaña promocional. Tal e como subliña Blanco, «o grao de aceptación da iniciativa, da que se excluía a grandes cadeas e firmas multinacionais, púxose de manifesto no elevado número de comercios adheridos, que superaba os 400». «Ademais -sinala a edil socialista-, dado que o buzón para depositar os recibos de compra e participar no sorteo estaba no Mercado de Abastos, o círculo da dinamización comercial ampliábase aínda máis, de xeito que moitos pontevedreses aproveitaban este período para achegarse ata a Praza e levar a casa produtos frescos».
Na mesma liña expresada polo portavoz do PSdeG no Parlamento, Luis Álvarez, a concelleira considera «indispensable e urxente que a Xunta abandone os seus posicionamentos ideolóxicos e retome o sistema de gratuidade dos libros de texto que o Goberno de Emilio Pérez Touriño puxo en marcha ata 2009 e que o PP decidiu eliminar». «Trátase dun gasto voraz para as familias de Pontevedra, que como xa amosamos, podería ser totalmente gratuíto mediante un sistema totalmente sostible. É unha cuestión de vontade e de ideoloxía», subliña Yoya Blanco.