Con estas adxudicacións, o parque empresarial dos Acivros conta a día de hoxe con 5 espazos dispoñibles, cunha superficie media de 1.100 metros cadrados
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes pola mañá na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos cos representantes de dúas empresas chantadinas e ante notario os contratos de compravenda de dúas novas parcelas do polígono industrial dos Acivros, no concello de Chantada, un complexo que pasou a xestionar directamente a institución provincial trala extinción da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA).
En concreto, a parcela número 22 do parque empresarial chantadino foi vendida por un importe de 30.080€ a Citelfo SL, dedicada a instalacións eléctricas, mentres que a firma Asmatec SLU, cuxa actividade está centrada na reparación de maquinaria industrial, adquiriu a parcela número 26 por un importe de 40.800€.
Os alleamentos destes terreos leváronse a cabo a través dun proceso de adxudicación directa, tras os senllos escritos presentados polas empresas no mes de xullo, nos que mostraron o seu interese en adquirir as devanditas parcelas.
Con estas dúas novas adxudicacións, que foron aprobadas pola Xunta de Goberno o pasado día 11 de agosto e formalizadas esta mañá polo Presidente da institución provincial, suman 37 as parcelas vendidas a día de hoxe no polígono industrial de Chantada. Un complexo que conta cun total de 49 parcelas, das cales 7 están reservadas. Polo tanto, o parque empresarial dos Acivros, que concentra a maior parte da actividade económica no municipio chantadino, ten a día de hoxe 5 espazos dispoñibles cunha superficie media de 1.100 metros cadrados.