Néstor Rego valora positivamente o avance no recoñecemento do Estado español como “plurinacional, pluricultural e plurilingüe”
O Bloque Nacionalista Galego rexistra, xunto a outras formacións políticas, unha modificación do Regulamento da cámara baixa para permitir o uso do galego no pleno do Congreso, así como o resto de linguas oficiais. A proposta, explica o deputado do BNG, Néstor Rego, avanza no recoñecemento do Estado español como un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e remata coa anomalía democrática que se producía na cámara baixa.
“A diversidade lingüística das nacións que compoñen o Estado español debe de ter reflexo no Congreso. Era unha anomalía non poder utilizar a lingua das persoas que nos elixen” apunta o deputado do BNG. A pesar de ser simbólica, engade Néstor Rego, este feito é un paso máis na democratización do Estado español normalizando “o uso da lingua, o galego, tal e como estabelece a propia Carta Europea das linguas que o propio Estado español ten asinado”.
O deputado nacionalista lembra que non é a primeira ocasión en que as forzas soberanistas, como o BNG, impulsan unha modificación do Regulamento co obxectivo de que a cámara baixa permita o uso de todas as linguas oficiais do Estado no desenvolvemento da actividade parlamentaria. De facto, a máis recente foi a mediados de 2022, o pasado ano, cando as diferentes forzas nacionalistas e soberanistas defenderon unha modificación do Regulamento do Congreso.
“O impedimento do uso da lingua galega na tribuna do Congreso partiu sempre da arbitrariedade do Presidente ou da Presidenta de turno amparada na ‘tradición’, mais non na legalidade” afirma Rego lembrando que o Regulamento non recolle lingua de uso específica. De facto, o deputado do BNG cualifica como “anomalía democrática” que un ou unha representante non poida utilizar no Congreso a lingua das persoas que a elixiron.
Cabe lembrar que o uso do galego en anteriores lexislaturas foi motivo de chamadas á orde por parte da presidencia da cámara a deputados galegos. Mesmo, lembra o deputado do BNG no Congreso, o uso da lingua galega foi motivo para retirar a palabra na tribuna da cámara durante unha das sesións parlamentarias.