ARiMagritte lanza este venres o seu novo tema ‘Comezar de Cero’

por Redacción Galicia

Un tema composto para a BSO da webserie homónima, creada por Alejandro Felipe e Sara Diéguez

O próximo venres día 15 de setembro é a data elixida pola artista viguesa ARiMagritte, para o lanzamento do seu novo tema Comezar de Cero, que compuxo para a BSO da webserie homónima, unha creación de Alejandro Felipe e Sara Méndez, que está a piques de presentarse. A pregarda da canción xa está dispoñible, para non perder a estrea nas principais plataformas. Máis adiante publicarase un videoclip, que polo de agora só é accesible a medios de comunicación en exclusiva.

Comezar de Cero é unha webserie que nace da necesidade de dous rapaces de contar a realidade da Xeración Z galega, que se sinte orfa de historias de seu no audiovisual. Con este drama con toques de comedia e fantasía, os seus creadores Alejandro Felipe e Sara Diéguez buscan dar un paso cara adiante na ficción galega, para suplir esa carencia nas pantallas galegas. A primeira temporada de Comezar de Cero contará con seis capítulos duns 30 minutos.

O director de webserie explica que a elección de ARiMagritte non foi casual pois “eu son fan dela e quería facer algo coa súa música desde hai tempo”, e engade que o proceso de creación da BSO “foi estupendo”. De feito a artista foi elixida para crear a medida a música da serie e mesmo fai un ‘cameo’, sendo o primeiro personaxe que aparece en pantalla.

Alejandro Felipe, director da serie, lembra que foi un proceso longo e produtivo dende o primeiro contacto ata o nacemento do tema de Comezar de Cero. “Houbo longas conversas, compartinlle todo o contido posible sobre a webserie e xurdiu o tema inicial, co que xa chorei ao escoitalo porque era moi emotivo”, confesa o director, quen engade que “logo foi crecendo ata chegar a ser a canción de gritar e saltar cos amigos que necesitabamos”.

Afirma que a canción define perfectamente a serie porque “sinto que, sendo o mesmo tema, o resultado final é moi distinto. Probablemente esa mesma evolución é a que vivimos toda a equipa de Comezar de Cero durante o proceso de materializala. Comezar de Cero fala de crecer e nós crecimos moitísimo con ela”

ARiMagritte abre nas Festas de Ponteareas a noite do venres 15 na Praza Maior

Logo dun verán cargado de concertos a banda ARiMagritte porá o broche final antes da tempada de outono abrindo a actuación que Roi Méndez (OT 2017) ofrecerá o próximo o próximo venres 15 de setembro na Praza Maior de Ponteareas.  Alí soarán os temas do seu álbum Oráculo, que chegan agora con son e forza renovados ao seren presentados coa banda formada por Alfredo Dourado ao baixo; Flocos de Millo á batería e Alberto Cabadas na guitarra solista.

ARiMagritte presenta a súa música nos escenarios desde 2013. O seu álbum, Oráculo foi Premio Maketón 2022 ao mellor disco autoeditado.

ARiMagritte foi Finalista no concurso de bandas Sonidos Mans 2022, o que a levou a participar no Festival da Luz.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario