Cita aos propietarios dos 165 predios afectados polas expropiacións os días 19 e 21 de setembro para pagarlles os depósitos previos
A Deputación da Coruña completará a vindeira semana os trámites de expropiación para as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 4701, no termo municipal de Mesía.
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos afectados están citados os próximos 19 e 21 setembro, entre as 16 e as 18.30 horas, na antiga escola de Fachas, en Cumbraos, para que a Deputación lles efectúe o pago dos depósitos previos.
As obras suporán un investimento de máis de 2 millóns de euros, dos que 1.888.105 euros corresponden á execución dos traballos e 150.936 € ao pago das expropiacións necesarias para a execución dos mesmos.
As obras terán lugar no tramo de case cinco quilómetros que vai dos PQ 0+923 ao 5+478 e consistirán na ampliación da plataforma da estrada ata os 7 metros de ancho, a construción de beiravías de medio metro e a execución de distintos tramos de sendas peonís elevadas de formigón coloreado, de dous metros de ancho.
Segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, as obras suporán unha notable mellora da seguridade dos veciños e veciñas nos seus desprazamentos a pé, xa que a calzada actual carece de paso peonil. En total executaranse dous quilómetros de sendas en distintos tramos.
As obras complétanse coas instalación de sistema de recollida de pluviais, e a renovación da sinalización horizontal e vertical da estrada.
O prazo de execución previsto é de dez meses a partir do inicio dos traballos.