O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Iván Puentes, insta ao concelleiro do BNG Cesáreo Mosquera, «a poñerse a traballar dunha vez e convocar unha comisión que preside, na que se abordan cuestións que consideramos esenciais para o desenvolvemento desta cidade e que teoricamente tiña que celebrarse cada dúas semanas, os martes, alternando coa Comisión de Urbanismo»
O Concello de Pontevedra constituíu o pasado 7 de xullo as seis comisións informativas do Pleno municipal, entre elas a permanente ordinaria de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, presidida polo nacionalista Cesáreo Mosquera. A pesar de que, teoricamente, esta comisión debe reunirse os martes, cada dúas semanas, alternando coa de Urbanismo, ata a data non se produciu nin unha soa convocatoria da mesma. Para o Grupo Municipal do PSOE, trátase dunha «incomprensible e irresponsable conduta por parte do Goberno do BNG», coa que «está a vulnerar frontalmente o dereito da oposición a exercer o seu traballo de fiscalización e control».
O portavoz socialista, Iván Puentes, entende que a Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos aborda «cuestións que consideramos esenciais para o funcionamento e desenvolvemento desta cidade» e asegura non comprender «as motivacións que están detrás desta inaceptable dilación», xa que os nacionalistas «non deron nin unha soa desculpa ou escusa que xustifique o sostemento no tempo desta obstrución ao noso labor de fiscalización». «Neste período, deberían terse celebrado xa unhas cinco comisións de Mobilidade e non tivemos nin unha soa noticia do señor Mosquera. Rogámoslle que se poña dunha vez a traballar e que convoque esta importante comisión que preside. Esta situación resulta inadmisible e quebranta os nosos dereitos», sostén Puentes.
Para o líder do PSOE, «o máis chamativo desta deixazón de funcións é que o señor Mosquera teña tempo de sobra para exercer de deputado provincial e asistir á comisión de seguimento e control de Santa Clara, pero continúe a facer o lerchán e a non poñerse ao choio no Concello, onde, ao contrario da Deputación, si ten delegadas áreas de goberno». Tal e como advirte Iván Puentes, os socialistas «non imos permitir que esta vulneración de dereitos continúe a producirse», polo que «instamos ao Goberno Local a convocar con carácter inmediato a primeira Comisión de Mobilidade e Obras deste mandato».