Poderán acceder aos descontos aos que dá dereito esta credencial en todo o territorio nacional e nos 40 países que están adheridos ao programa Carné Xove Europeo
A Xunta facilitará que os mozos que residen na diáspora teñan acceso ao Carné Xove antes de que remate o ano. Así o sinalou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, nunha visita aos participantes no campo de voluntariado para a emigración que se está a celebrar en Castro de Rei, e no que estivo acompañada do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Javier Arias.
Fabiola García sinalou que con esta medida a xuventude que reside na Galicia do exterior contará coas mesmas vantaxes que a que vive na nosa comunidade. Así, eles tamén poderán acceder aos descontos en establecementos turísticos, comercios, transporte, cine, museos ou librarías aos que dá dereito o Carné Xove en todo o territorio nacional e nos 40 países europeos que están adheridos a este programa.
A vintena de participantes neste campo de voluntariado, procedentes de Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba e Uruguai, foron os primeiros en recibir esta mañá o Carné Xove e xa poderán utilizalo durante a súa estancia.
Actividade arqueolóxica
Desde o pasado día 8 e ata o martes da vindeira semana, estes mozos descendentes de emigrantes galegos e con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos participan en tarefas de posta en valor do castro de Viladonga. En colaboración co equipo de profesionais que traballa na restauración deste xacemento arqueolóxico, estes voluntarios traballan na limpeza e consolidación deste ben cultural.
A programación deste campo complétase, ademais, cun obradoiro textil, con rutas de sendeirismo, actividades en caiac, e con excursións a cabo Ortegal, Ribadeo ou Lugo, entre outros lugares.