”Van 20 anos de xestión do PP sen planeamento urbanístico e non podemos seguir así, Abegondo merece avanzar”, sinala o voceiro socialista no municipio Jairo Bello
O PSdeG-PSOE abegondés anuncia o seu apoio á aprobación provisional do PXOM de Abegondo. O voceiro socialista no municipio, Jairo Bello, sinalou que esta aprobación é “unha das propostas do noso programa electoral do 28 de maio”.
“Despois de décadas de xestión do PP sen conseguir sacalo adiante, dunha anulación polo Tribunal Supremo, e de non enviar a resposta a máis de 700 alegacións previas á aprobación provisional presentadas pola veciñanza, Abegondo necesita o PXOM dunha vez por todas”, sinala Bello. “Hai motivos máis que dabondo para que isto sexa unha realidade”, engadiu.
O socialista sinalou tamén que “dende o PSdeG de Abegondo incidimos na necesidade de enviar estas respostas, algo que, sen ser obrigatorio para a aprobación provisional, consideramos máis que xustificado”.
“Sabemos que serán precisas modificacións e correccións de erros do documento, e aí estaremos para darlle a forma máis axeitada”, puntualiza o voceiro socialista. ”Van 20 anos de xestiòn do PP sen planeamento urbanístico e non podemos seguir así, Abegondo merece avanzar”, concluíu.