O Xulgado do Social número 2 de Compostela recoñece a fixeza da relación laboral dunha traballadora do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. A traballadora fora subrogada cando se acordou a municipalización do servizo da escola infantil no Concello de Dodro, de xeito que o Consorcio se encargaría de prestar e xestionar o servizo, facéndose cargo das súas traballadoras.
O Consorcio de Igualdade e Benestar, naquel momento baixo a dirección de Lois Pérez Castrillo como xerente e de Pilar Candocia como responsable da área das Galescolas, non cumpriu a lexislación en materia laboral e en lugar de conservar as condicións laborais da traballadora empeorounas, convertendo o seu contrato indefinido nun contrato temporal e non tendo así en conta a antigüidade da traballadora.
O xulgado entende que a contratación é ilícita e que se cumpren todos os requisitos para adquirir a fixeza laboral por parte da traballadora. Deste xeito, como se defende desde a CNT, “estase a recoñecer a doutrina europea coñecida como Correia Moreira, que desde o sindicato sempre se defendeu que debía aplicarse á multitude de subrogacións ilegais levadas a cabo desde as administracións públicas, pois esta obriga a superar un proceso selectivo a traballadoras que xa eran fixas con anterioridade ao momento da sucesión”.
Desde a CNT recálcase ademais que os catro sindicatos da mesa xeral sempre se negou que isto fose posible, alineándose coas actuacións da administración pública, polo que novamente se revela até que punto son estruturas que defenden os intereses da administración e contra a legalidade e as propias traballadoras.
Fotografía. Escola infantil Dodro, Páxinas Galegas