O vindeiro sábado 23 de setembro celébrase no Monte do Gozo (Santiago de Compostela) a primeira Xornada de Iniciación ao Disc Golf, un evento de balde dirixido a persoas de todas as idades que procura achegar o disc golf á sociedade compostelá
A xornada arrincará ás 16:00 cunha breve introducción ao disc golf impartida por membros do Compostela Disc Golf Club. Despois de practicar as técnicas de lanzamento, celebrarase un pequeno torneo informal no que as persoas participantes poderán gañar discos para xogar de balde.
Na xornada poden participar persoas de todas as idades e condicións físicas. Para facelo, só deben apuntarse no formulario de inscrición.
O Disc Golf
O disc golf é un deporte que naceu nos anos 70 nos Estados Unidos e que nos últimos 30 anos se fixo moi popular nos países do norte de Europa, especialmente en Finlandia e Estonia. En España, o primeiro campo permanente construíuse en Oviedo en 2013 e o segundo en Santiago de Compostela en 2017. Actualmente hai 15 campos repartidos por toda España e están proxectándose varios máis.
As regras do disc golf son moi similares ás do golf, cunha linguaxe moi parecida. A diferenza fundamental é que no disc golf lánzanse discos en lugar de bólas e o obxectivo é unha cesta, en lugar dun burato no chan.
A diferenza do golf, os campos son en xeral de libre acceso e o equipamento necesario para practicalo é moi económico, o que está a axudar a que se popularice en toda España, onde está habendo un crecemento exponencial de xogadores e do interese por este deporte.
O campo do Monte do Gozo
O campo do Monte do Gozo construíuse en novembro de 2017, sendo o segundo de toda España e o único de toda Galicia, e actualmente está catalogado como unha das mellores instalacións de todo o país. Trátase dun campo completo de 18 buratos que rodean o Auditorio do Monte do Gozo, a carón do Camiño Francés. Conta con fontes de auga potable e hai unha cafetería que tamén conta con servizos de restauración.
Compostela Disc Golf Club
O Compostela Disc Golf Club é un clube deportivo fundado en 2014 que conta na actualidade con máis de 30 socios, e que ten como misión a práctica e a promoción do disc golf.
Máis información
● Páxina de información da Xornada e formulario de inscrición