Os plásticos, actualmente, están moi presentes nos vertedoiros, no campo ou nas estradas, provintes de residuos da agricultura ou dos xerados nos núcleos urbanos. Nestes lugares a cegoña branca «Ciconia ciconia» tende a recoller materiais para a construción ou alcochado do interior do seu niño. Debido a esta circunstancia, a posibilidade de presenza de plásticos nos niños destas aves é moi elevada. Tendo como consecuencia que estes residuos poderán ser inxeridos por polos e individuos adultos.
Coa finalidade de coñecer os potenciais efectos tóxicos destes materiais na cegoña branca, Amigas das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción Ourense poñen en marcha o proxecto PlasticStork. Un proxecto da man da investigadora Zulema Varela da USC e dentro da campaña estatal Stop Vertidos Ilegais.
Os obxectivos do proxecto son cuantificar a cantidade de plásticos e microplásticos que hai nos niños, nas egagrópilas (bola de restos orgánicos que regurgitan as aves) e nas plumas das cegoñas brancas e determinar os tipos de contaminantes que se atopan na superficie destes resíduos plásticos.
Para conseguir estes obxectivos recolleranse mostras de 10 niños de cegoña branca en Maceda e de 2 niños máis na cidade de Ourense, para contrastar a diferenza entre unha zona rural como é Maceda e unha zona urbana como a cidade de Ourense. Estas mostras dos niños, xunto coa recollida de plumas e egagrópilas, serán analizadas no laboratorio de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, pola investigadora Zulema Varela.
O proxecto non ten só unha finalidade científica ou de investigación, xa que ao mesmo tempo que se recollen as mostras tamén se limparán os niños e a súa contorna de todos aqueles residuos que poidan ser perigosos para estas aves, cumprindo así co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 15 (ODS15) e a campaña de Stop Vertidos Ilegais de Ecoloxistas en Acción.
Ademais, dentro do proxecto e mediante diferentes actividades de divulgación, Amigas das Cegoñas e o grupo ourensá de Ecoloxistas en Acción tamén pretenden concienciar sobre a cantidade de residuos sólidos que xeramos os seres humanos.