O Campus Industrial de Ferrol acolle unha nova edición das xornadas de arqueoloxía “Ex Oriente Lux”

por Redacción A Coruña

A decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos Pita, e o organizador das Xornadas “Ex Oriente Lux”, o profesor Juan Luis Montero Fenollós, inauguran mañá, venres 22 de setembro, ás 09:45 horas, no Salón de Graos do centro, a terceira edición dun evento no que se analizarán os proxectos arqueolóxicos impulsados desde Galicia no norte de África e Oriente Próximo nos últimos anos

As xornadas servirán tamén para homenaxear ao investigador francés Jean Claude Margueron, un referente internacional no eido da arqueoloxía, quen faleceu o pasado mes de abril. 

O programa das terceiras Xornadas “Ex Oriente Lux” inclúe o relatorio do catedrático de Prehistoria da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), Miquel Molist, titulado “De Xericó a Babilonia: da aldea neolítica ata a cidade”, a intervención do profesor de Historia Antiga do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, quen afondará no proxecto arqueolóxico que a Universidade da Coruña (UDC) levou a cabo en Palestina, a conferencia da investigadora da Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos (SLGEM), Lucía Brage Martínez, centrada nas coleccións de Oriente Próximo, as aportacións do profesor da Universidade Pontificia de Comillas (UPC), Jaime Vázquez Allegue, sobre os Manuscritos do Mar Morto, e a intervención do investigador Ramón y Cajal da Universidade de Vigo (UVigo), Adolfo Fernández Fernández, quen presentará as escavacións realizadas no xacemento romano de Tahaddart en Marrocos.

Organizan, a Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol – Universidade da Coruña e a Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos (SLGEM). Colaboran, a Rede Iberoamericana de Investigadores en Próximo Oriente Antigo, a Facultade de Humanidades e Documentación e o Centro de Estudos do Próximo Oriente.

Foto portada de J. Pardo: Cerámicas de Tell el-Far´a (Palestina)

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario