Preto de 10.000 lucenses menores de 21 anos viaxan gratis por Galicia nos buses da Xunta coa tarxeta Xente Nova

por Redacción Lugo

Acampaña Móvome fomenta un modelo de mobilidade sostible, accesible e económico para o conxunto da cidadanía

Preto de 10.000 mozos e mozas lucenses menores de 21 anos xa poden viaxar de balde en calquera das máis de 3.500 liñas de autobús da Xunta por toda Galicia grazas á tarxeta Xente Nova.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a estación de autobuses de Lugo e fixo balance desta e doutras medidas de fomento do transporte público autonómico que están a dar como resultado un incremento considerable da demanda.

Así, sinalou que o emprego do transporte público de titularidade autonómica na provincia rexistrou un incremento dun 13% no primeiro semestre do ano. A  incorporación de novos usuarios, a ampla oferta de servizos, infraestruturas renovadas e importantes incentivos económicos traducíronse en 157.813 billetes expedidos máis que no mesmo período do 2022.

O delegado destacou como especialmente relevante o incremento da demanda na área de transporte metropolitano de Lugo, que comprende o concello da capital e os de    Castro de Rei, Guntín, Outeiro de Rei, O Corgo, Friol, Castroverde e Rábade. Neste caso, o aumento cífrase no 26%, sumando 104.384 viaxes máis.

A área de transporte de Lugo é tamén a que rexistra case a metade das tarxetas Xente Nova concedidas. En concreto, 4.464 mozos e mozas dispoñen deste dispositivo, atendendo á seguinte distribución: 3.623 en Lugo; 185 en Outeiro de Rei; 147 en Friol; 144 en Castro de Rei; 111 no Corgo; 109 en Castroverde; 78 en Guntín; e 67 en Rábade.

Este incremento no número de usuarios do autobús de competencia autonómica é acorde coa demanda rexistrada no conxunto da comunidade, onde medrou nun 17% no mesmo período.

Os resultados son froito, segundo apuntou Javier Arias, da aposta decidida do Goberno galego polo transporte público, ao que destina case 100 M€ cada ano, é dicir, 300.000 € cada día.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou preto de 3.500 liñas de transporte interurbano, levando o autobús onde antes non chegaba e implantando novas modalidades, como o transporte compartido e baixo demanda.

Tamén mantén activos incentivos como os descontos que ofrece o uso da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) ou as bonificacións do 50% nas tarifas que estarán en vigor ata finais de ano. Ademais, 150.000 mozos e mozas de ata 21 anos viaxan gratis, cunha media mensual de aforro neste ano 2023 de case medio millón de euros.

Nova campaña de promoción

A Xunta puxo en marcha unha nova campaña de fomento do transporte público que, baixo o lema Móvome, busca consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para o conxunto da cidadanía.

Nesa liña, Javier Arias indicou que “ademais das vantaxes para os usuarios, como alternativa cómoda e barata ao vehículo particular, ten evidentes beneficios sociais, xa que axuda a desconxestionar o tráfico das cidades e evita emisións contaminantes á atmosfera”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario