O portavoz do BNG reclamou actualizar as vías «para garantir que o traxecto Lugo – A Coruña se poida realizar en 45 minutos, e dotar a Lugo dunha conexión directa con Compostela, algo realizable cunha simple vairante de 27 Km»
Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo afirmou que a solución aos problemas de conexións ferroviarias de Lugo «precisan de investimentos serios que melloren as nosas infraestruturas». Arroxo valorou a proposta de liñas circulares para as cidades galegas como «unha mellora para a situación actual», mais afirmou que «isto non solucionaría o problema de incomunicación de Lugo, precisamos actualizar unha infraestrutura que quedou anclada no século XIX».
O portavoz do BNG afirmou que «o tren está chamado a ser o medio de transporte do futuro», mais destacou que «para que a veciñanza aposte por este medio en vez de usar o coche, as liñas teñen que ser rápidas e seguras, algo que só se conseguirá actualizando as infraestruturas e creando unha verdadeira rede de cercanías na Galiza».
Rubén Arroxo lembrou as propostas que desde o BNG se veñen reclamando nos últimos anos, como a creación da variante entre Curtis e Ordes, «que permitiría conectar Lugo e Compostela de xeito directo cun novo treito de vía de só 27 Km, e facendo que Lugo deixe de ser a única cidade que non ten conexión directa en tren coa capital de Galiza», ou a actualización da vía Lugo – A Coruña, «un traxecto que en tren leva o dobre que en coche». No ano 2020, unha delegación do BNG realizou a viaxe de Lugo á Coruña en tren, tardando 2 horas e 35 minutos, «practicamente o mesmo que o AVE de Ourense a Madrid que ese día fixo a súa viaxe inaugural».
Sobre a Liña Lugo – Ourense, Arroxo afirmou que «a electrificación é un gran paso adiante que levaba moitos anos sendo necesario, mais imos continuar sen comunicacións en ferrocarril de alta velocidade debido ao trazado». Segundo Rubén Arroxo, «desde o BNG seguiremos traballando para que o Goberno do Estado aposte en serio pola mellora da infraestrutura ferroviaria e que se poña a Lugo ao día en materia ferroviaria».