A Deputación da Coruña promociona por primeira vez o Camiño de Santiago en Irlanda

por Redacción Galicia

Espera replicar en Irlanda o éxito que está a ter o Camiño Inglés entre os visitantes do Reino Unido e destaca os vínculos históricos coa illa esmeralda a través dos séculos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita estes días a República de Irlanda para colaborar coas autoridades irlandesas en distintas actividades de promoción do Camiño Celta. A comitiva coruñesa complétase co deputado provincial delegado provincial Antonio Leira, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás.

Formoso destacou que esta primeira viaxe oficial da Deputación coruñesa a terras irlandesas “ten como obxectivo estreitar lazos de colaboración coa República de Irlanda e traballar conxuntamente na promoción deste Camiño en ambos países”, tras a experiencia durante máis dunha década de frutífera colaboración co Reino Unido na difusión do Camiño Inglés, a ruta xacobea que máis crece en número de visitantes nos últimos anos.

O Camiño Celta é unha ruta xacobea aínda bastante descoñecida, que conta con distintas rutas oficiais de peregrinaxe no país, todas elas cun traxecto mínimo de 25 quilómetros, que desembocan nos portos de Dublín, Drogheda, Limerick, Cork ou Waterford, desde onde os peregrinos se dirixen por mar ata Galicia para completar cando menos outros 75 quilómetros a pé desde A Coruña ou Ferrol ata a catedral de Santiago de Compostela.  Completar estes 100 quilómetros a pé entre ambos países permítelles obter a “Compostela”, o documento oficial que outorgan as autoridades eclesiásticas e que acredita ter completado o Camiño de Santiago.

Visita a Drogehda para percorrer o Camiño de Boyne Valley

Na primeira xornada, a comitiva coruñesa desprazouse ata Drogheda, unha das poboacións máis antigas de Irlanda, situada uns 25 quilómetros ao norte de Dublín, para inaugurar o Camiño de Boyne Valley, unha das rutas máis populares e históricas das que compoñen o Camiño Celta. Nesas rutas poden atoparse xa algunhas sinais coa frecha e a cunha amarela que indican o Camiño cara Santiago de Compostela.

O percorrido incluíu unha andaina desde a abadía de Mellifont, a 2.580 quilómetros de Santiago, o primeiro mosteiro cristián do país, fundado en 1142, e a visita a distintos puntos da cidade vinculados ao Camiño. Entre outros, visitaron a igrexa de St. Peter, a Highlanes Gallery ou a oficina de turismo local.

A axenda incliu tamén un almorzo coas autoridades locais e rexionais no que participaron Thomas McEvoy e Colette Moss, director e representante consello do Condado de Louth, Ged Nash, deputado no Parlamento Irlandés e Hubert Murphy, presidente da Cámara de Comercio, entre outros.

Formoso subliñou “o gran valor paisaxístico, patrimonial e cultural desta ruta que conecta Irlanda e Santiago de Compostela”. “Este Camiño Celta que aínda non é moi coñecido en España e que teño que dicir que nos ten marabillados. Non só pola beleza da súa paisaxe, tan parecida a Galicia, senón pola historia, a mitoloxía, as lendas, a cultura e incluso o clima que galegos e irlandeses, como pobos celtas, temos en común”, afirmou o presidente, que agradeceu tamén ante as autoridades irlandesas “o traballo desenvolvido pola institución Camino Society e por Turismo de Irlanda para divulgar a tradición xacobea na illa”.

Incidiu tamén na importancia dun camiño menos coñecido para a poboación irlandesa, a extensión Muxía-Fisterra do Camiño, invitando ás autoridades irlandesas a coñecer ese “camiño cara á fin do mundo”.

Valentín Formoso incidiu no “nexo histórico e cultural que, a través dos séculos, une a Galicia e Irlanda, dúas terras irmás” e anunciou o compromiso da Deputación da Coruña de “activar iniciativas que potencien o coñecemento desta ruta tanto en Irlanda como en Galicia, estreitando estes lazos históricos entre as nosas comunidades para conseguir que Irlanda esté un pouco máis preto de Santiago de Compostela”.

Un roteiro repleto de historia

Cada ano, arredor de 10.000 irlandeses percorren os distintos roteiros que dan forma ao Camiño Celta. Comezando na impresionante Igrexa de San Pedro na cidade medieval de Drogheda, o Boyne Valley Camiño é unha viaxe a través da historia. O roteiro comeza á beira do río e xunto a bosques en Belnumber e Townley Hall e continua por tranquilos camiños rurais, xunto a canles e campos verdes ata Old Mellifont Abbey.

O camiño segue xunto ao lendario río Boyne, onde tivo lugar a Batalla do Boyne de 1690 entre protestantes e católicos e fogar da mítica deusa Boann que, segundo a lenda, deu orixe ao río. A abadía de Mellifont foi o primeiro mosteiro cisterciense de Irlanda e construíuse en 1142. É aquí, a beiras do río Boyne, onde Amergin e Colphta desembarcaron da súa viaxe desde Galicia. Estes descendentes de Breogán eran coñecidos como milesios e son coñecidos como os devanceiros da poboación celta de Irlanda.

Na época medieval, os peregrinos percorrían longas distancias ata Drogheda desde todo o nordés e o centro de Irlanda antes de embarcarse cara á cidade da Coruña no seu camiño a Santiago de Compostela. Existía un albergue que atendía aos peregrinos brindándolles acubillo e descanso mentres esperaban as naves.

Con esta primeira visita á illa esmeralda a Deputación busca darlle visibilidade a esta ruta e reforzar mediante acordos coas autoridades do país estes vínculos históricos que unen a Galicia e Irlnada, así como apoiar e promocionar a tradición irlandesa de peregrinación a Santiago.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario