O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, asinou hoxe o convenio de colaboración con Santiago Vázquez, vicepresidente da entidade
O Concello da Coruña promove actividades de educación e xestión ambiental na Torre de Hércules, Punta Herminia, río de Feáns e o parque de Bens. O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, asinou hoxe o convenio de colaboración con Santiago Vázquez, vicepresidente de Hábitat, mediante o que o Concello financia con 10.000 € as accións que porá en marcha a entidade ecoloxista. No acto de sinatura estivo tamén presente a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz.
O programa de actividades céntrase en dous eixos principais: o control e eliminación de especies vexetais recoñecidas coma Especies Exóticas Invasoras, así como fomentar a sensibilización da sociedade sobre o asunto; e a recollida de residuos considerados non perigosos no termo municipal da Coruña. Estes son residuos sólidos urbanos ou residuos domésticos que as persoas deixan ao seu paso nas contornas naturais para os que tamén se desenvolven accións de concienciación e sensibilización a raíz do convenio.
Tamén se contempla a elaboración e instalación de refuxios para a fauna, a realización de actividades de xestión do patrimonio natural, limpeza de praias, ríos e zonas verdes así como análises da biodiversidade.