Con motivo do Día da Merced, patroa das institucións penitenciarias, o presidente provincial, Luis Menor, participou no acto institucional que cada ano organiza o centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, e que contou tamén cunha representación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Luís Menor entregou varios recoñecementos, entre eles diplomas a internos; ao Mérito Social ao comandante da Garda Civil de Ourense, Rodrigo García; mencións honoríficas a funcionarios; e un recoñecemento especial á Federación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental.
Ao remate do acto, Luís Menor destacou o labor fundamental que os profesionais dos máis diversos ámbitos desempregan no seu día a día para ofrecer unha nova oportunidade de inserción social aos internos. Apuntou tamén que a Deputación de Ourense ten abertas as portas á colaboración, destacando así as palabras do director do centro nas que anunciou a proxección, no mesmo salón no que se desenvolveu o acto de hoxe, dunha das películas programadas no Festival de Cine de Ourense: Honeymoon, do director Enrique Otero. Está programada dentro do 28º OUFF na Sección Oficial Internacional a concurso. A proxección será o vindeiro 2 de outubro ás 11.00 horas e contará con presentación e coloquio posterior, onde estarán o director, Enrique Otero, e o actor protagonista, Javier Gutiérrez.
O acto contou coa presenza do presidente da Audiencia de Ourense, Antonio Piña; a fiscala xefa da Audiencia, Eva Regueiro; o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; o director do centro penitenciario, Francisco González; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; e o concelleiro de Pereiro de Aguiar, Manuel Doval. Tamén asistiron representantes institucionais, da administración de Xustiza, dos corpos e forzas de seguridade do Estado e de entidades sociais que colaboran co centro penitenciario, pola súa importancia de apoio a través do voluntariado.