Jorquera sobre os primeiros 100 días do mandato 2023-2027: “Percibimos certa falta de impulso por parte do Goberno local”

por Redacción A Coruña

O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, percibe “certa falta de impulso por parte do Goberno Local” como trazo característico dos primeiros 100 días do mandato 2023-2027

A xuízo do voceiro nacionalista, o Concello está a sofrer as consecuencias dunha decisión errónea, a adoptada no anterior mandato polo Goberno Local cando se negou a negociar uns novos orzamentos para 2023, prorrogando os de 2022.

“É sintomático”, apunta nese sentido, “que no pouco tempo que levamos do novo mandato houbese que abordar dúas modificacións dos orzamentos en vigor e outra máis do orzamento do IMCE”.

É por iso que o BNG xulga “necesario” que o Executivo coruñés “cumpra co compromiso” asinado coa formación nacionalista no Acordo de Investidura e inicie “xa” a negociación dos orzamentos de 2024, visando o obxectivo de comezar o vindeiro ano coas novas contas xa en vigor.

“O BNG, por suposto, comprométese a facer o que estea da súa parte para o facer posíbel”, acrecenta.

A falta de impulso do Goberno Local ten a ver tamén con como foi conformado, coa estrutura de que o dotou a alcaldesa. “Unha estrutura na que a maioría das decisións recaen en moi poucas persoas. Esa tendencia xa se deu no pasado mandato, mais agora faise norma ao se crear tres macroaáreas. Esa concentración de atribucións -o feito de que todo pase por apenas tres persoas- ralentiza o funcionamento do executivo”, avalía Jorquera.

É “imprescindíbel” que o Goberno Local se sacuda certas inercias, “cobre impulso e atenda as necesidades dos barrios”. “No noso contacto coa veciñanza constatamos que hai preocupacións que son compartidas en toda a cidade”, conclúe.

Comparte éste artículo
1 Comment