Anuncia que reclamarán no pleno a recuperación do sistema de gratuidade de libros de texto, especialmente logo do bono para material deportivo anunciado polo goberno
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou este luns o seguidismo de Rueda da “estratexia fallida” do PP, xa que entende que “é lamentable que o presidente dos galegos actúe de palmeiro de Feijóo”, en referencia ao mitin celebrado este domingo polo PP en Madrid.
O voceiro dos socialistas na Cámara galega entende que este acto ten a única motivación de “desviar a atención da vía sen saída na que nos meteu o seu líder”, Núñez Feijóo. Considera que estamos ante unha “formación política perdida nunha fuxida cara adiante” ao organizar unha protesta “contra unha investidura que aínda non foi convocada cando precisamente esta semana vai ter lugar esta investidura fake do señor Núñez Feijóo”.
Luis Álvarez sinalou que tanto Rueda como Feijóo “son incapaces de reunir ningún tipo de apoio que vaia máis alá da extrema dereita como vai a quedar claro esta mesma semana” despois de ser eles “os que branquearon a Vox dándolle a chave de centos de municipios e de comunidades autónomas”. Deste xeito, entende que “agora queren facernos pagar a todos a súa estratexia de confrontación”.
“Rueda supedita desgraciadamente a axenda de Galicia ás urxencias dun Feijóo cada día máis debilitado”, apuntou Álvarez. Quen pensa que “a súa presencia onte en Madrid non representa aos galegos e galegas” e que non cumpre co seu cometido que é axudar aos intereses da cidadanía. Entre os mesmos encontran a defensa dun sistema educativo público e de calidade.
Gratuidade libros de texto
Ao fío do que Álvarez anunciou que no pleno parlamentario que se celebrará esta semana, dende o Grupo Socialista reclamarán de novo que se recupere o sistema de gratuidade de libros de texto para a educación obrigatoria ata os dezaseis anos. Lembrou que os sistema de préstamo instaurado polo goberno de Pérez Touriño foi substituído polo PP por un “máis caro, ineficiente e que chega a menos familias”.
Así mesmo, comparou o custo do sistema da gratuidade universal, cuns 18 millóns de investimento anual da Xunta, co do bono anunciado a semana pasada por Rueda para material deportivo, no que desembolsarán arredor de 16 millóns de euros.
Sendo que o PP retirou o modelo instaurado polos socialistas co argumento da falta de progresividade, Álvarez non entende por que a axuda para material deportivo, que considera secundario en comparación á educación, non ten criterio de renta para recibilo como si ocorre agora coas axudas para pagar os libros de texto. Para os socialistas estamos ante unha medida electoralista, e advirten de que “a todos os galegos e galegas nos vai a saír carísima a campaña electoral do señor Rueda”.
O portavoz socialista tamén tivo unhas palabras para felicitar á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, polo seu nomeamento como vicepresidenta de FEMP. Remarcou que esta decisión “pon en valor as políticas de progreso despregadas na cidade nos últimos catro anos” e é unha recompensa ao gran traballo realizado polo seu goberno na cidade herculina.