Forons novamente unhas 750 persoas as que se mollaron polos ríos na XVI Limpeza Simultánea
Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
O domingo 24 de setembro de 2022 realizouse a XVI Limpeza Simultánea de Ríos en 52 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando a máis de 60 entidades.
Entre elas tamén moitos concellos colaboradores como o de San Sadurniño, Moaña, Gondomar e Santiago de Compostela entre outros.
Aínda se verten moitos residuos aos ríos
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos…
Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, sinais de tráfico, entullos, tixolas, deshumificadores. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc… As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia xunto coas compresas e tampóns, e como non múltiples máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras.
No reconto, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 6 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade.
O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta. Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Ames, Ares, Cangas, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Moaña, Nigrán,Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Soutomaior, Tomiño e Verín.
Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!
Podedes consultar aquí o cadro de resultado, que se irá actuilizando a medida de que cheguen novos datos.