PP. «A alcaldesa fomenta o consumo de bebidas azucradas e estimulantes entre os nenos do colexio de Samos»

por Redacción Lugo

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego,  denuncia a colocación dunha máquina expendedora de bebidas azucradas,  estimulantes e incluso cervexas -aínda que sexan 0,0 % de alcol- no pavillón de deportes que usan os nenos e nenas do colexio.

Así, acusa á alcaldesa de saltarse a lei unha vez máis. Nesta ocasión a que prohibe poñer este tipo de bebidas ao alcance de menores de 16 anos: “non ten en conta para nada a protección e o fomento de hábitos saudables dos menores”. Nese sentido, pregúntase se “estas son as medidas de mellora que tiña pensado facer no  colexio”.

Ademais, os populares lamentan que “a pesar de fachendear de actitude dialogante; o bipartito non escoite o desacordo de moitos pais e nais coa instalación desta expendedora ao considerar que fomenta o consumo destas bebidas e o gasto monetario nos máis pequenos”. De feito, segundo as súas familias, os nenos e nenas “piden cartos na casa para meter na máquina”.

O PP PIDE EXPLICACIÓNS

“Parece que o importante é facer caixa á conta dos máis pequenos” e, polo tanto, o Grupo Municipal do PP pedirá o expediente de instalación desta máquina e esixirá ao concelleiro responsable de Deportes “que nos explique onde van os fondos recadados e que se fixo con eles”. De feito, os veciños e veciñas aseguran que xa estivo instalada nos vestiarios da piscina todo o verán.

Así mesmo, o Grupo Municipal Popular poñerá esta situación en coñecemento da xefatura territorial de Educación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario