PP de Lugo critica que se premie con 450.000 millóns aos independentistas, mentres que a A-54, a Alta Velocidade ou o viaduto de Pedrafita seguen pendentes 

por Redacción Lugo

O PP de Lugo critica que se premie con 450.000 millóns aos independentistas, mentres que a A-54, a Alta Velocidade ou o viaduto de Pedrafita seguen pendentes. Así o destacaron este luns os deputados no Congreso Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades; os senadores María José Gómez e Juan Serrano xunto á presidenta provincial, Elena Candia, que asegurou que “Feijóo sería o único presidente do Goberno que aportaría a Lugo o futuro que merece”.

Francisco Conde cre que na sesión de investidura “o presidente Feijóo ten demostrado o seu liderado e a súa capacidade de trasladar un proxecto político alternativo para España e tamén para Galicia”. É dicir, quedou clara a súa “visión de Estado” a través da “busca de consensos para que España e Galicia poida saír dunha situación económica, política e social complexa”. Mentres que “para o PP os Pactos de Estado son o camiño a seguir; o PSOE atópase atado polas decisións persoais de Pedro Sánchez que é a única referencia do Partido Socialistas, pero que non ten visión de Estado, nin tampouco unha visión clara para Galicia”.

O deputado popular subliñou que “Galicia tamén estivo presente no debate”. Feijóo reclamou “os investimentos pendentes do Goberno con Galicia non só en relación ás infraestruturas viarias e de ferrocarril; senón tamén dende o punto de vista industrial ou das políticas de dependencia”. O deputado popular lembrou que “Alcoa está pechada nestes momentos por unha decisión do Goberno de España que ten pendente a situación de Altri e tamén outras medidas que o Goberno en funcións non está a adoptar. Hai moito que facer”, sintetizou.

O PSOE ENFRONTA TERRITORIOS, O PP DEFENDE A IGUALDADE

Conde asegurou que “Pedro Sánchez está enfrontando aos territorios. A súa política territorial pode traer unha disfuncionalidade dende o punto de vista da igualdade de oportunidades para os diferentes territorios. E o que traslada Pedro Sánchez é que está disposto a gobernar precisamente para reforzar eses desequilibrios e, polo tanto, haxa máis Cataluña e menos resto de España e, polo tanto, menos Galicia”.

“Non podemos apoiar medidas coma a amnistía nin o referendo nin tampouco que poidan compensar a Cataluña con 450.000 euros a costa doutros territorios coma Galicia. Non estamos dispostos a aceptar que haxa compensación económica a Cataluña para que Pedro Sánchez poida ser presidente do Goberno. É unha situación anómala dende o punto de vista democrático, territorial e dos intereses de Galicia”, engadiu.

Neste senso, remarcou que tanto a presidenta provincial coma os deputados nacionais e senadores “reivindicaremos máis Lugo, máis Galicia e igualdade de oportunidades dos españois e dos territorios”.

NOVA COMISARÍA DA POLICÍA NACIONAL

A presidenta provincial, coincidindo co Día da Policía Nacional, explicou que “unha das primeiras iniciativas que rexistraron os populares no Senado foi unha pregunta para que se concrete o futuro dunha infraestrutura para Lugo como é a nova Comisaría”, dando así cumprimento ao compromiso asumido polo Executivo de Mariano Rajoy. “Era un compromiso de tódolos partidos e o Partido Popular non o vai a deixar nun caixón”, remarcou.

Candia lembrou que “a Xunta de Galicia si cumpre e está dando datas para que os edificios que están rematadas empecen xa con actividade”; mentres que “a construción da nova Comisaría -unha infraestrutura imprescindible para que poidan desenvolver o seu traballo nunhas condicións óptimas- segue sen prazos e sen concretarse que se ubique na zona norte da cidade”. O Partido Popular xa ten manifestado que “queremos que sexa especificamente na zona norte e, especialmente, no barrio da Residencia”.

A presidenta do PP lucense recoñeceu o traballo dos representantes no Congreso e no Senado e tamén aproveitou para poñer en valor “o extraordinario e necesario traballo” que desenvolven os efectivos da Policía Nacional na provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario