Renuncia a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro

por Redacción Lugo

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, presentou este luns a súa dimisión e por tanto a renuncia á súa acta ante o pleno da corporación na última sesión ordinaria que presidiu. Puxo fin deste xeito a 16 anos de actividade política na localidade, acadando dúas alcaldías progresistas tras lograr no ano 2019 converterse na primeira alcaldesa muller na democracia en Vilalba.

“Teño que comunicar que hoxe entrego a miña acta e poño fin ao meu mandato de alcaldesa”. Así comezou a súa última intervención, onde explicou os motivos desta decisión “tomada coa serenidade, a reflexión e a tranquilidade que dá o traballo feito e a satisfacción de ter entregado o mellor de min nestes anos”. Explicou que este fin á representación pública viña motivado principalmente por tres razóns. A primeira delas é a de ter cumpridas as responsabilidades que asumiu ao inicio da súa andaina política, conseguindo dúas alcaldías progresistas para Vilalba. O segundo dos motivos está “no meu desexo de rematar a vida laboral no ambulatorio, quero volver á miña profesión especialmente nun momento no que a sanidade necesita máis profesionais”, explicou Veleiro en alusión á falta de médicos, “pois xa sabedes que desde finais do ano pasado ninguén está cubrindo o meu cupo de pacientes”.

“A miña prioridade sempre foi servir ás persoas, ser de utilidade aos vilalbeses e vilalbesas, e creo que agora, momento no que se achega a miña xubilación, onde mellor podo continuar ese servizo público é no ambulatorio de Vilalba”.

Finalizou a súa argumentación cunha terceira razón. “Estou plenamente convencida de que deixo un equipo forte, con experiencia de xestión, con compañeirismo, e sobre todo, cun proxecto para Vilalba definido e todo o necesario para levalo á práctica: capacidade, ideas, traballo, ilusión e conviccións”, asegurou, remarcando que “chegou o momento de dar o relevo”.

Non se quixo despedir sen antes agradecer a todo o persoal do concello “que traballa diariamente desde cada un dos departamentos na procura de solucións e a mellora dos servizos para os vilalbeses”, dando as grazas tamén a todos os concelleiros e concelleiras coas que compartiu corporacións desde o 2007, “tamén a esta corporación, que desexo que siga traballando para chegar a acordos antepoñendo os intereses dos veciños”.

Ao remate do seu discurso, dedicou unhas palabras aos seus compañeiros e compañeiras do Partido Socialista, “porque xa son moitos anos traballando man a man, porque foi un pracer crecer con vós a nivel político e persoal, aprender de cada un dos tropezos, desfrutar con cada un dos proxectos feitos realidade, e en definitiva, sumar esforzos para ver a Vilalba pola que sempre loitamos, máis igualitaria, con oportunidades para todos e todas e máis transparente. As bases están consolidadas, pero seguiredes contando comigo”.

“Tamén estarei sempre para todos e cada un dos veciños e veciñas de Vilalba, porque nunca estarei o suficientemente agradecida de ter a honra de representarvos como alcaldesa nestes últimos anos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario