Representantes dos GDR Eu Rural, Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte e Zied Zeme mergulláronse en interesantes iniciativas do país búlgaro ao abeiro desta iniciativa de cooperación Leader
O proxecto de cooperación transnacional Eurochef II fixo a súa última parada na súa viaxe para estreitar lazos entre o rural Europeo. Representantes da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, líder da iniciativa, e dos grupos de desenvolvemento local galegos Limia-Arnoia e Terras de Pontevedra Norte e do letón Zied Zeme percorreron Bulgaria da man do grupo de acción local Lag Razlog.
Unha estancia moi proveitosa na que as e os técnicos tiveron a oportunidade de coñecer máis afondo o labor do grupo de acción local búlgaro, mergullarse en interesantes iniciativas locais e afondar na gastronomía e tradicións do país. Así, durante a viaxe a delegación visitaou unha fábrica procesadora de carne e unha granxa de cabalos, coñeceu a propia cidade de Razlog ou se vestiu cos traxes tradicionais búlgaros e desfrutaron dalgunhas tradicións locais.
Sen dúbida unha das grandes atraccións da viaxe de intercambio foi a visita á escola de turismo e hostalaría da cidade, na que ademais de presentar os detalles do proxecto Eurochef II o alumnado preparou un menú especial fusionando produtos de Galicia, Bulgaria e Letonia da man do xurado de Master Chef Bulgaria Ilian Kustev. O chef é un dos grandes nomes da gastronomía búlgara, coñecido por ser un experimentador culinario e polo sabor refinado dos seus pratos e a variedade de produtos que emprega.
Despois de ver en streaming como o alumnado preparaba cada un dos pratos, as e os representantes dos distintos grupos de desenvolvemento rural participaron nunha degustación na que se lles explicou o menú preparado e a fusión de produtos empregados.
Na mesma viaxe de intercambio de experiencias e visita de estudo, os técnicos e técnicas dos GDR participantes, tamén tiveron a oportunidade de compartir eventos e reunións cunha delegación de Turquía, composta por membros da autoridade de xestión do seu país, por persoas representantes dos diferentes colectivos do territorio e por representantes da administración local de dous Grupos de Desenvolvemento Rural turcos.
Amosaron o seu interese en aprender das nosas experiencias, tanto no ámbito da cooperación como na xestión do propio Leader, que para o seguinte período comunitario porán en marcha tamén no seu país. Intrecambio experiencias e coñecementos con esta delegación que fixo chegar o seu desexo de visitar Galicia proximamente para coñecer de cerca a xestión e os proxectos dos GDR galegos.
Aínda quedan varias accións por implementar con este interesante proxecto, a través do cal se elaborará tamén unha guía con información turística e gastronómica de cada un dos GDR participantes, un vídeo resumo das accións de intercambio desenvolvidas e o acto de peche do proxecto, que está previsto para o mes de novembro no territorio do socio galego Limia – Arnoia nun evento que non deixará de sorprender a todas as persoas asistentes.
Eurochef II é unha iniciativa que busca potenciar o desenvolvemento económico sostible das diferentes rexións poñendo en valor os produtos locais e os territorios a través da gastronomía, o patrimonio e a cultura. Trátase dun proxecto de cooperación transnacional financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural dentro da medida 19.3 Leader Galicia 2014-2020 a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).