Lucas Pérez, xogador do Deportivo, foi o protagonista dun coloquio baseado na experiencia en primeira persoa do futbolista coruñés, criado na súa infancia polos seus avós
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde na xornada ‘A maior oportunidade’, unha iniciativa organizada por Cruz Vermella A Coruña coa colaboración do Concello. Esta proposta, enmarcada na Semana das Persoas Maiores, ideouse para fomentar a conciencia e o compromiso da mocidade coas persoas maiores, co obxectivo de traballar na prevención da soidade non desexada.
O acto desenvolveuse esta tarde na sede da Fundación Paideia, en María Pita, e levouse a cabo nun formato de coloquio aberto ao público, moderado pola xornalista Isabel Bravo e centrado na experiencia en primeira persoa de Lucas Pérez, futbolista coruñés do barrio de Monelos e un dos capitáns do Real Club Deportivo.
Inés Rey puxo a historia persoal de Lucas, criado polos seus avós, como “exemplo do impacto que poden ter os nosos maiores como un piar fundamental na infancia, porque os seus coidados, consellos e agarimo son fundamentais para abrirlle camiño ás novas xeracións e axudarlles a seguir adiante”.
Neste sentido, a rexedora abordou a cuestión da soidade non desexada subliñando que “esixe unha implicación de toda a sociedade e, ademais, pensar en clave interxeracional,
por todo o que poden achegar as mozas e mozos á hora de favorecer a integración social das personas maiores”.
No acto de apertura da xornada tamén formaron parte o presidente provincial de Cruz Vermella, Manuel Viqueira, e o presidente do Real Club Deportivo, Álvaro García Diéguez.
As iniciativas municipais, aglutinadas baixo a marca ‘Coruña Acompaña’
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, un 25,03% da poboación da cidade da Coruña é maior de 65 anos. Atendendo a isto, en abril deste ano, o Goberno municipal creou a marca ‘Coruña Acompaña’ para aglutinar, baixo un mesmo paraugas, todas as iniciativas municipais orientadas a fomentar a inclusión e o envellecemento activo das persoas maiores.
‘Coruña Acompaña’ engloba programas como o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) e o Servizo de Teleasistencia, así como as actividades que se levan a cabo na rede de Centros Cívicos Municipais. É o caso dos bailes para maiores, que se porán novamente en marcha o vindeiro luns 9 de outubro no CCM de Monelos. Tamén o programa ‘De maior crea’, unha iniciativa a través da que o Concello organiza obradoiros de creatividade para maiores, nos que as persoas participantes poñen en marcha os seus propios proxectos audiovisuais. O prazo para inscribirse nos obradoiros aínda está aberto.
“Podemos traballar desde moitos enfoques. Reducindo a fenda dixital entre os maiores, achegándoos ás novas tecnoloxías cunha óptica inclusiva. Facéndoos partícipes do deseño da nosa cidade, para que sexa máis accesible ás persoas con mobilidade reducida. E en todo isto será fundamental a colaboración entre as Administracións públicas, entidades do terceiro sector, persoal de voluntariado e as asociación de veciñas e veciños dos barrios”, determinou Inés Rey.