O outono chega con máis dunha ducia de actividades no Rosal

por Redacción Pontevedra

O Concello pon en marcha para os meses de outubro e novembro unha programación con música, deporte, teatro, patrimonio ou exposicións como protagonistas

O outono chega ao Rosal cargado de lecer. O Concello puxo en marcha unha ampla axenda cultural para os meses de outubro e novembro, unha ampla programación nas que as actividades infantís e a música compartirán escenario coa igualdade, o patrimonio, o teatro ou as exposicións fotográficas.

“Temos por diante dous meses cunha morea de propostas para todos os públicos e todos os gustos nos que as novidades camiñarán da man con eventos moi arraigados no noso municipio como a Festa do Outono do Pilar ou as Xornadas do Patrimonio”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación de outono arrancou este mesmo martes 3 cunha actividade do CRA María Zambrano, unha xornada coa que coñecer a contorna que comezou na biblioteca municipal co espectáculo ‘E a ti… que che contaban?’, de Vero Rilo, ao abeiro do programa Ler conta moito. Tras o contacontos, a cativada puido desfrutar dunha actividade de balonmán co Valinox Novás e dunha visita guiada polo Museo do Cabaqueiro. 

O mércores 4 haberá unha nova actividade encadrada no programa Ler conta moito. Ás 10.00 horas Brais das Hortas visitará a Escola Infantil Galiña Azul co seu espectáculo ‘Contos para caghar patatillas’.

Festa do Outono do Pilar e moito máis

Un dos pratos fortes da axenda cultural de outono será a tradicional Festa de Outono do Pilar, que se celebrará os días 11 e 12 de outubro na Praza do Calvario. A seguinte parada no calendario de actividades será o 20 de outubro, no que O Rosal acollerá a terceira edición do Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural, no que se porán en valor iniciativas que apostan polo rural capitaneadas por mulleres.

O domingo 22 de outubro o Coro Mistura Vocal estará en concerto no auditorio municipal (19.00 horas) mentres que o sábado 28 celebrarase o Concerto de Outono e 19º aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal. Será ás 20.00 horas no auditorio. O mes rematará con Fulano, Mengano e Citano sobre o escenario representando a súa ‘Louca historia de Galicia’ (domingo 29 ás 19.00 horas).

Novembro comezará cunha demostración dos traballos dos cabaqueiros o domingo 5 na Praza do Calvario, xornada que deixará paso ao concerto do Coro Cantares de Brueiro o domingo 19. O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ademais dunha concentración inaugurarase a exposición de fotografía coas imaxes escollidas do concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’ e poderase desfrutar dun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal. Ese mesmo día, xa pola tarde, o auditorio municipal acollerá o Concerto de Santa Icía organizado cada ano pola Agrupación Musical do Rosal.

A programación de outono complétase ademais botando unha ollada ao pasado coas III Xornadas do Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos nas que se porá en valor o patrimonio material e inmaterial rosaleiro. As sesións serán o 21 e 28 de outubro e o 4 e 5 de novembro no Centro Social Polivalente.

Por outra banda, do 21 de outubro ao 26 de novembro, o gastrobar Daordaria acollerá a exposición do fotógrafo rosaleiro Alberte Alonso Pereira.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario