O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que desbloquee a reposición de efectivos da policía adscrita a Galicia

Paloma Castro lembra que a negativa do goberno galego a negociar un novo convenio para a unidade impide recuperar os efectivos do corpo ata os 500 previstos no catálogo

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que desbloquee a reposición dos efectivos da policía nacional adscrita a Galicia, pendentes de que accedan a negociar un novo convenio para este corpo. Castro acusou á Xunta de dar “escusas de mal pagador” ao sinalar ao goberno central cando son eles os que están a paralizar a contratación de efectivos.

Castro lembra que o convenio da Unidade Adscrita ten decaído en 2008, e compre negociar e acordar un novo texto que se axuste á Lei Orgánica das Forzas e Corpos de Seguridade que regula o asunto, e que determina que o custe da Unidade debe ser asumido polo Estado e a Comunidade Autónoma a partes iguais. Advirte que é a Xunta a que se ten negado reiteradamente a levar a cabo esta negociación.

A parlamentaria socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego que mude a súa posición inmobilista e permita repoñer os efectivos da Unidade Adscrita, que neste momento se atopan preto dos 360, moi lonxe dos 500 previstos no Catálogo establecido no anterior convenio. Lembra que durante a etapa de goberno de Rajoy, entre 2013 e 2018, non convocaran nin unha soa praza para a Policía Adscrita.

Explica que Galicia conta con máis policías e gardas civís dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, que ten levado o número de efectivos ao máximo histórico, ao pasar de 8.214 rexistrados en decembro de 2017 aos 8.858 cos que conta hoxe. Este goberno xa recuperou 450 dos 500 efectivos de Policía Nacional e Garda Civil que Galicia perdera durante a etapa de goberno de Rajoy, que reduciu en todo o Estado 5.886 gardas civís e outros 8.584 policías.

Comparte éste artículo
No hay comentarios