José Manuel Lage: “Pedimos á Xunta que cumpra os prazos dados ás coruñesas e coruñeses en relación ao Novo Chuac”

por Redacción A Coruña

O Pleno aprobou hoxe unha adenda solicitada pola Xunta para modificar a distribución plurianual comprometida polo Concello para acometer a construción dos accesos ao centro hospitalario

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria do Pleno municipal correspondente a este mes de outubro, no que se aprobou unha adenda asociada á modificación da distribución plurianual comprometida polo Goberno de Inés Rey no convenio asinado en maio deste ano entre o Concello e a Xunta, para acometer a construción do Novo Chuac e os seus accesos.

Dita adenda vén motivada por unha solicitude da Xunta en relación ao estado de procedemento de licitación do contrato para a redacción do proxecto e execución das obras. A este respecto, a Xunta formulou adecuar as anualidades previstas no convenio, ampliándoas a un exercicio máis, ata o 2026, o que suporá na práctica, un retraso dun ano nos prazos estimados inicialmente para completar os traballos.

Isto afectará, e dilatará, ás obras de construción dos futuros accesos e conexións viarias ao Novo Chuac. Segundo o acordo subscrito en maio, o Concello asumiu o custo da execución dos mesmos cunha achega de 22,2 millóns de euros en fondos municipais, a distribuír entre este ano (1 millón), o 2024 (8 millóns) e o 2025 (13,2 millóns). Agora, e tal e como expuxo José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal, «o que pide a Xunta é que retrasemos a financiación porque non hai nada executado a outubro de 2023, cando o que fixo o Concello foi poñer todos os seus recursos a disposición da Xunta».

A reformulación do calendario de financiación municipal que propuxo a Xunta suporá que o Concello terá que achegar 50.000 euros este ano, 8 millóns en 2024, 10 millóns en 2025 e 4,1 millóns en 2026. É dicir, un ano máis do estipulado no convenio formalizado en maio, o que suporá que o Novo Chuac non verá a luz ata o ano 2026.

«O luns convocouse o Pleno ordinario de outubro. E a comunicación da Xunta confirmando este texto que hoxe tramitamos no Salón de Sesións chegou este martes. Pedimos rigor e non xogar coa saúde e os equipamentos hospitalarios. A Xunta ten unha débeda histórica con esta cidade. Esixímoslles axilidade e que cumplan co cronograma previsto, que cumpran cos prazos dados ás coruñesas e coruñeses en relación ao Novo Chuac, que non admite máis demora. E agardamos que sexa a última vez que nos piden que cambiemos o cadro de financiación por un retraso dun ano», instou o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario