Novo paso peonil elevado na rúa Juan Díaz Porlier

por Redacción A Coruña

Aproveitando a intervención, o servizo municipal de Infraestruturas reformou o pavimento das beirarrúas lindeiras, facéndoas máis accesibles para as persoas con mobilidade reducida

O Concello da Coruña, a través da Área municipal de Economía e Planificación Urbana, finalizou este martes os traballos para crear un novo paso peonil elevado entre as rúas Federico García e Juan Díaz Porlier, reforzando a seguridade viaria no barrio de Matogrande.

A intervención, promovida polo servizo municipal de Infraestruturas, comezou a mediados de setembro e supuxo, como primeiro paso, a demolición do pavimento para, xa posteriormente, remodelar as beirarrúas, facéndoas máis accesibles para conectalas co novo paso peonil, localizado fronte ao núm. 19 da rúa Juan Díaz Porlier.

O firme do novo paso peonil elevado está feito a base de MBC, con 14 centímetros de espesor. Ademais, e en paralelo, tamén se aproveitou para reformar os accesos ao paso peonil desde a propia beirarrúa, coa disposición de lousas podotáctiles en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.

As conexións entre Xuxán e Matogrande

Coa habilitación deste novo paso peonil elevado, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de melloras urbanísticas con vistas á apertura das futuras novas conexións entre os barrios de Xuxán e Matogrande, que inclúe o paso en ‘U’ que permitirá o paso de peóns e vehículos desde a rúa Juan Díaz Porlier en dirección á nova praza central de Xuxán.

A previsión é que as obras de construción deste paso en ‘U’ rematen antes de finais de ano. Ademais, xa se está a executar a zona verde sobre o falso túnel de 70 metros de lonxitude que tamén unirá os dous barrios.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario