Na quenda de preguntas orais ao Executivo coruñés, o concelleiro do BNG David Soto afirmou que o Goberno Local está a facer un uso “abusivo” da figura das comisións de servizo no cadro de persoal do Concello.
Como explicou Soto, a comisión de servizo é a adscrición temporal dun funcionario a un posto de traballo vacante distinto do propio para atender necesidades urxentes e inaprazábeis.
Mais esta figura só pode ser utilizada se hai motivos obxectivos para o facer: só cabe en supostos de “urxente necesidade” e teñen unha “limitación temporal”, dun ano prorrogábel só por outros doce meses.
É obvio que o recurso ás comisións de servizo -no canto da provisión da praza polo sistema da oposición- abre o campo á discrecionalidade e á arbitrariedade, alegou Soto.
O uso, en todo caso, debe ser proporcionado. Os datos que ofreceu Soto mostran que non o está a ser. Durante o bipartito formado polo PSOE e o BNG no mandato 2007-2011, só se cubriron 25 prazas con comisións de servizo. O Goberno Local do PP (2011-2015) xa supuxo un incremento, 71. E a cifra aumentou durante o mandato da Marea Atlántica (2015-2019), 79. Mais todos os rexistros foron pulverizados durante o primeiro mandato de Inés Rey (2019-2023), con máis de 200 comisións de servizo. “É dicir, neste concello, case 1 de cada 7 prazas actuais foi outorgada por este procedemento. Folga dicir que estamos a falar, habitualmente, das prazas que ostentan maior xerarquía, o que aumenta a nosa alarma”, precisou Soto.
Canto ao límite temporal, as irregularidades son manifestas, até o punto, remarcou o noso concelleiro, de que “sabemos que hai aínda en vigor comisións de servizo de mandatos anteriores ao primeiro do PSOE na cidade”, denunciou. E a seguir estendeuse: “Este aprazamento sine die, ilegal, das comisións de servizo xa foi obxecto de condena en 2018 por parte dun xulgado do contencioso-administrativo, condena ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.
Así as cousas, Soto instou o Goberno Local a que poña fin a unha práctica irregular que desmotiva o funcionariado do Concello ao ver que “o seu esforzo” non se valora e que acha atrancos ao progreso na súa carreira funcionarial” ao contemplar como determinadas prazas se cobren con comisións de servizo de persoas vindas doutras administracións públicas.
Na súa resposta, o portavoz do Goberno local atribuíu o aumento no número de comisións de servizo ao feito de nos últimos anos non se teren convocado concursos. Agarda que a convocatoria de novas prazas poda ir normalizando a situación.