A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará o vindeiro 21 de outubro dende Pontevedra o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle nesta ocasión atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, e terá tamén en conta outros xéneros. Haberá ademais tempo para coñecer experiencias dende o mundo educativo relacionadas co tema da xornada, que rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo.
As sesións desenvolveranse en horario de mañá e tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. As persoas que desexen seguilas presencialmente deben inscribirse enviando un correo electrónico, antes do 18 de outubro, a publicacions@academia.gal cos datos que se indican no programa, dispoñible en academia.gal. O programa poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega.
A través da cultura popular, a cita permitirá profundar na relación da onomástica coa oralidade, explica a académica Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón. «O eixo central, desta volta, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo», detalla. «Coma sempre e, ante todo, a xornada quere abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar», conclúe.
Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.
A sesión da tarde arrincará cun relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do cognomentum (alcumes, sobrenomes, nomes familiares…) na Galicia altomedieval e deseguido continuará cunha contribución dende o mundo da didáctica, como é costume nestas xornadas dende os seus comezos. Será da man da cantora, improvisadora e filóloga Alba María, que profundou co seu alumnado de secundaria na relación entre os romances e a onomástica.
A tarde rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Arial Ninas na zanfona.