Deputacións e Xunta non asisten á reunión cos Bombeiros Comarcais de Galicia

por Redacción Galicia

Na xornada de hoxe estaba prevista ás 10:00h, unha xuntanza entre o Comité de Folga de Bombeiros e os representantes das Deputacións Provinciais e a Xunta de Galicia, no Consello Galego de Relacións Laborais, logo de que o pasado día 25 de setembro se emprazaran as partes para dar comezo a unha negociación que tentara achegar posturas de cara a acadar unha solución ao conflito que actualmente vive o sector dos Bombeiros Comarcais.

Onte (domingo) á noite, trasladóusenos de xeito extra oficial que a representación das administracións non ía acudir á xuntanza acordada, feito que foi posto en coñecemento dos representantes hoxe ás 10:00h dende os sindicatos.

Este desplante pon en serio perigo o comezo dunha vía de negociación, e pon punto final ás repetidas mostras de desinterese e faltas de respecto que mostran as administracións cara aos traballadores do noso colectivo. Logo de que durante meses se viñeran pospoñendo e desatendendo por parte dos representantes institucionais todas as peticións que fixo a parte traballadora para resolver esta difícil situación, dende o Comité de Folga vémonos na difícil tesitura de ter que abrir o abano de medidas sindicais, resultando ser o desplante de hoxe un claro punto de inflexión que marcará un antes e un despois.

Os representantes dos traballadores que si acudiron hoxe ao Consello Galego de Relacións Laborais, acordaron un calendario de mobilizacións e medidas que serán valoradas e difundidas logo da Asemblea de Traballadores de toda Galicia que se convocou de urxencia para este mércores ás 17:30h.

“Este desplante de hoxe marca un antes e un despois. A nosa paciencia esgotouse.” aclara Moisés Fernández. “A mensaxe que se nos traslada con esta falta de seriedade é clara: ás Administracións non lles preocupa a prestación do servizo de emerxencias que teñen obriga de ofrecer á cidadanía, nin queren resolver o problema que teñen co colectivo”, matiza Álvaro Negreira, tamén membro do comité de folga. Na mesma liña pronúnciase Honorino Raña “Logo de 3 meses non fixeron nada. O único que fixeron foi desatender as súas obrigas e mostrar desprezo, desinterese e un trato insultante cara a nosa profesión, as nosas familias e a cidadanía”. Segundo Ángel Moldes “o sistema de emerxencias de Galicia vaise tambalear aínda máis despois disto”. Héctor Fernández, aclara que “os únicos responsables desta situación son as Administracións que coa súa deixadez contribúen ao abandono que sofre a cidadanía no ámbito das emerxencias”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario