O público encheu o Auditorio de Galicia, desfrutando con esta Gala de Premios na que perto de 13.000 persoas participaron nunha votación popular
A Gala Aritmar dos premios do mellor da música e da poesía galego-portuguesas celebrouse con enorme éxito na noite deste martes no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Perto de mil persoas encheron o recinto e vibraron coa música, coa poesía e cos discursos de moitas e moitos dos premiados.
A gala, organizada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, contou coa presenza da Alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o Director Xeral de Política Lingüística Valentín García, entre outros representantes politicos do Concello de Santiago, Deputación provincial de A Coruña ou Xunta de Galicia.
O director da EOI de Santiago, Gonzalo Constenla abriu a Gala agradecendo os “perto de 13.000 votos que se acadaron entre Galiza e Portugal, que dan unha idea da popularidade que están acadando estes premios”. Despois da súa intervención, os presentadores Ivonete Dasilva e Zacarías O´Fakas, ambos profesores da escola, enfiaron con pingas de humor toda a entrega, na que houbo momentos para a emoción e para a diversión.
Un dos momentos máis emocionantes da noite foi o sentido discurso pronunciado pola poeta Arancha Nogueira, no momento de recoller o seu galardón de mellor poema en lingua galega pola obra “Mamá fala linguaxes en documentos predeterminados”. Nogueira falou arredor da dor que provoca no seu corpo unha enfermidade crónica e a reflexión sobre o privilexio de ser unha persoa sa, provoncando unha longuísima e emotiva ovación do público que enchía o Auditorio. A continuación interviu a poeta portuguesa María Isabel Fidalgo, autora do que foi elixido como mellor poema en lingua portuguesa “Se de repente perto fosse un verbo”. Fidalgo eloxiou o papel das mulleres nas letras e lembrou a influencia que tivo nela “cando apenas era unha nena, a lírica galego-portuguesa”.
Despois da parte poética, a parte musical comezou coa entrega do Premio ás Fillas de Cassandra, ás que o público non parou de ovacionar, converténdose nunhas das estrelas da noite. María Soa e Sara Faro agradeceron o galardón e declararon “a admiración a todas as que nos precederon neste camiño”. O público vibrou coa sua actuación, onde non faltou a canción “Lisístrata II”, popularmente coñecida como “Varre Vasoira”, que levou o galardón á mellor canción galega e puxo ao Auditorio en pé.
A música continuou cos portugueses Retimbrar, que foron un gran descubrimento para todo o público galego que non os coñecía. Na súa actuación non faltou “Maçãzinha”, o tema que levou o premio á mellor canción portuguesa, cantado con Uxía.
A entrega do Premio á Associação José Afonso tamén resultou ser un dos máis emotivos da noite, recollido por Odilo G. Carnero, membro desta asociación que mantén o legado de Zeca Afonso en Galiza.
A Gala ainda gardaba unha sorpresa final non anunciada no programa, como foi unha inédita actuación entre As Fillas de Cassandra, os portugueses Retimbrar e Uxía, que tamén celebraron a irmandade galego- portuguesa con repertorio de José Afonso, gran amigo de Galiza. A Gala Aritmar deu un gran salto de popularidade e de público nesta edición, o que a converte nun dos grandes proxectos que dimensiona a palabra e a música galego- portuguesa. Aritmar realízase grazas ao apoio do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Agrupamento Galiza- Norte de Portuga e do Instituto Camoêns.
Foto portada: Javier González Sobrado