A banda máis emblemática do hip hop do país celebrará o seu vinte aniversario a través dun «abraiante akelarre musical de amizades» que se desenvolverá nas salas Capitol e Malatesta desde as 19.30h da tarde e até as 05.00h da mañá
Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, celebrará o vindeiro 2 de decembro os seus vinte anos sobre os escenarios por todo o alto: Santiago acollerá, entre as 19.30 e as 05.00h, unha xornada maratoniana de concertos e actuacións nas que DKTC se acompañará de artistas da escena musical galega, como Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes. As entradas para a cita, que terá lugar nas salas Capitol e Malatesta, están desde hoxe mesmo dispoñibles no espazo web www.diosketecrew.org e na plataforma en liña www.enterticket.es.
A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras da propia banda, como unha ocasión «única» e «irrepetible» que, a modo de «exclusiva cerimonia litúrxica», celebrará dúas décadas de vida a través dun «abraiante akelarre musical de amizades». Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe) e Guillerme (Quempallou) compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol. Será unha data sinalada na historia do grupo, «porque Dios Ke Te Crew celebra como dios manda», aseveran os seus membros.
Mais esta excelsa celebración ampliará o seu espazo de festexos e chegará a dúas salas da cidade, «porque unha soa sabía a pouco», explica DKTC. Así, entre as 19.30 e as 00.00h, a actividade desenvolverase na Sala Capitol, mentres que, entre as 00.30 e as 05.00h, a festa acontecerá na Malatesta co concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, ademais doutras sorpresas adicionais.
As entradas para a festa de aniversario ‘Tremendos Anos 20’ xa están á venda na web oficial da banda, www.diosketecrew.org. O público poderá adquirir, por 20€, a entrada que dá acceso unicamente á Capitol, ou o bono que dá acceso á experiencia completa (Capitol + Malatesta, 25€), do que haberá un cupo limitado de billetes dispoñibles ao que poderán acceder as primeiras compradoras. Ademais, para culminar esta celebración, o público recibirá pola compra de cada entrada, como agasallo, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións de artistas gráficas e 20 remixes de hits de DKTC realizados por outros tantos produtores musicais. Un traballo portentoso que combina artes gráficas e musicais para festexar unha efeméride especial.
DIOS KE TE CREW
Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LPs, diversos EP e percorrer centos de escenarios, DKTC publica no 2022 En que ano estamos?, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos máis salientables dos últimos tempos: OG, con Boyanka Kostova.
O vindeiro 2 de decembro, a banda -acompañada de A.L. Crego nos visuais- festexará os seus Tremendos Anos 20 sobre os escenarios en Santiago de Compostela, nunha xornada que, de seguro, ficará no recordo das persoas seguidoras da recoñecida banda de Ordes.
Foto portada: Iago Vilarinho