Ademais, está prevista a construción dunha nova área de estacionamento na contorna da rúa Sebastián Martínez Risco, con 28 prazas
O Concello da Coruña avanza nos traballos para conectar os barrios de Matogrande e Xuxán, que estarán unidos antes de finais de ano por un novo enlace, en forma de ‘U’, que permitirá o paso de peóns, ciclistas e vehículos desde a rúa Juan Díaz Porlier en dirección á nova praza central de Xuxán.
Unha vez completados os estribos que descansan sobre os muros de perpiaño no lado de Xuxán, a semana pasada comezou a execución dos microchantóns que materializarán as cimentacións dos piares a ambos os lados da vía, así como o estribo do lado de Matogrande, que formarán parte da estrutura dos brazos simétricos que conformarán dous pasos xemelgos que, partindo desde Matogrande e por riba da vía férrea, estarán unidos á calzada do sector setentrional do barrio de Xuxán.
Esta intervención lévase a cabo tras completarse, previamente, os traballos para desmontar e acondicionar o noiro de terra situado ao final da rúa Juan Díaz Porlier, onde se habilitará o estribo necesario para executar a conexión desde Matogrande a Xuxán.
A previsión do Concello é que, xa a comezos de novembro, aproximadamente na primeira semana, comecen a instalarse os piares prefabricados que estarán situados a ambos os lados das vías férreas, unha actuación fundamental para acometer, posteriormente, os traballos na infraestrutura do propio paso en ‘U’.