Os Bombeiros Comarcais de Galicia apoian aos compañeiros dos SPEIS de Vigo

por Redacción Pontevedra


Dende a representación do Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia, queremos brindar todo o
noso apoio e respecto aos traballadores do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e
Salvamento do Concello de Vigo (SPEIS Vigo), en particular aos compañeiros que tiveron que
atender a difícil intervención da madrugada do pasado mércores na Rúa Alfonso X o Sabio.
Calquera intervención con vítimas mortais deixa unha ferida que se engade silenciosamente á
experiencia persoal de calquera bombeiro, especialmente cando entre esas vítimas atopamos
menores.
Como Bombeiros Comarcais somos coñecedores da dificultade que supón non dispoñer do persoal
suficiente para a prestación dun servizo en condicións de seguridade para ás vítimas e para os
propios bombeiros que participan nunha emerxencia.
As particularidades do noso traballo precisan de máis atencións, medios e persoal conforme os
sinistros acrecentan a súa perigosidade. Neste senso as particularidades das grandes cidades coma
Vigo, que atenden a unha ampla densidade poboacional cun importante tecido industrial,
multiplican a complicidade das tarefas que teñen que atender os seus bombeiros en situacións de
emerxencia.
Dende o Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia queremos amosar a nosa solidariedade cos
profesionais do SPEIS Vigo, un corpo que leva amosando o seu compromiso coa veciñanza á que
se debe dende fai máis dun século. Compartimos con eles a preocupación referida a que non se
estea a cumprir o vixente decreto de efectivos mínimos por quenda de traballo, que por outra
banda data do ano 2010, a pesares de incremento poboacional actual.
De que unha dotación de bombeiros estea ben dimensionada depende o éxito das intervencións
nas que estes profesionais teñen que actuar. Isto repercute directamente na seguridade da
cidadanía e dos propios traballadores.
O responsable do Servizo de Extinción de Incendios en Vigo e o propio Concello, que a través dos
seus líderes políticos ten que garantir a correcta prestación do mesmo, en prol de asegurar un
dereito propio á veciñanza que brinde a seguridade que esta merece. Consentir que o Servizo de
Extinción de Incendios se estea a prestar en condicións inferiores ás que están establecidas, implica
que os responsables da prestación deste servizo sexan cómplices de calquera desgraza que cunha
dotación de persoal axeitada se puidera ter evitado.
Por todo isto, dende o Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galicia, instamos as autoridades do
Concello de Vigo a que na maior brevidade posible, cos mecanismos de urxencia que consideren
máis axeitados e tendo sempre en conta a opinión dos seus profesionais, doten do persoal e
medios suficientes ao SPEIS de Vigo, de xeito que se garantan en todo momento as dotacións
mínimas de traballo, permitindo así ofrecer, en materia de Prevención e Extinción de Incendios e
Salvamento, uns estándares mínimos para a seguridade das veciñas e veciños de Vigo así como
para a seguridade dos seus bombeiros

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario