Estando aínda conmocionados polas consecuencias do sinistro acaecido na cidade de Vigo o pasado mércores 11 de outubro na rúa Alfonso X, no que lamentable faleceron catro persoas, tres delas menores de idade, queremos trasladar en primeiro lugar, as nosas condolencias aos familiares e desexar unha pronta recuperación aos feridos.
Trasladar tamén a nosa solidaridade cos compañeiros do SPEIS de Vigo, que foron quen de afrontar esta situación tan difícil a pesares das condicións de falla de efectivos que veñen soportando dende fai anos.
Somos perfectamente conscientes das condicións nas que traballan, porque desgraciadamente son as mesmas que estamos a padecer tódolos servizos de bombeiros de Galiza.
Desgraciadamente teñen que ocorrer traxedias para que os representantes políticos, cando menos, teñan que dar a cara, tras quedar retratados pola súa irresponsabilidade.
Levamos anos denunciando as condicións de abandono total dun servizo esencial como é o de bombeiros, avisando de que se está a xogar coa seguridade, tanto dos cidadáns como dos propios bombeiros.
Recordar a necesidade de dar un marco regulatorio da profesión a través de un Estatuto do bombeiro, onde as condicións mínimas de actuación e seguridade nas intervencións sexan garantidas en todas as poboacións.
A seguridade dos cidadáns e dos traballadores non poden estar ao criterio caprichoso dos rexedores municipais, máis preocupados dos espectáculos que dos espectadores.
Esta plataforma leva anos reclamando en Galiza o Estatuto e participa de xeito activo, a nivel estatal, nunha lei marco que fixe uns criterios mínimos de calidade e seguridade na profesión, para garantir ao mesmo tempo a seguridade dos cidadáns.
Solidarizámonos cos compañeiros de Vigo e facemos un chamamento ao colectivo para conquerir reverter esta situación que nos afecta a todos.
1