Este proxecto forma parte das medidas de actuación recollidas en «Compartimos Plan», o Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, en vixencia para o período 2019-2023
A Deputación da Coruña publica a colección de guías «Integra o xénero», sobre a transversalización do principio de igualdade de xénero nas políticas públicas, coas que se busca dotar ao persoal da Deputación e dos Concellos da provincia de ferramentas útiles e de fácil manexo, con pautas e recomendacións prácticas para a incorporación da perspectiva de xénero dun xeito transversal. As guías foron presentadas esta mañá pola deputada de Igualdade, Soledad Agra, Eva Garabal, da empresa Deloga que desenvolveu as guías e a técnica de Igualdade da Deputación Eva Ovenza.
A colección, inicialmente, conta con tres títulos: a «Guía básica de recomendacións sobre a integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas»; a «Guía de apoio para o establecemento de cláusulas de igualdade»; e a «Guía para a integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación».
Para a súa elaboración, apostouse por un modelo metodolóxico e de investigación participativo a través do que implicar ao persoal da propia Deputación e dos Concellos.
En primeiro lugar, deseñáronse cuestionarios dirixidos ao persoal traballador da Deputación e dos Concellos da provincia da Coruña. Con estes, buscouse detectar as principais necesidades e problemáticas coas que se atopa o persoal á hora de incluír a perspectiva de xénero nas súas funcións, co obxectivo principal de adecuar as diferentes guías ás mesmas.
En segundo lugar, unha vez tratados os datos recollidos no cuestionario e valoradas as necesidades de información para o proceso de elaboración das guías, procedeuse a activar a seguinte ferramenta de participación: as entrevistas semi-estruturadas co persoal da Deputación, co fin de achegarse á realidade do día a día do proceso de traballo da Deputación e coñecer en profundidade as súas necesidades.
O proceso participativo complementario á elaboración da colección de guías «Integra o xénero» contemplou, en terceiro lugar, a realización de grupos de traballo co persoal municipal e o persoal da Deputación. Nestes encontros empregáronse dinámicas e ferramentas sustentadas no traballo cooperativo e participado, así como na formación de pequenos grupos de debate e reflexión colectiva. Deste xeito, por unha banda recolleuse información de valor para a diagnose e, pola outra banda, permitiu a
xeración de pequenos espazos nos que compartir percepcións, experiencias e reflexións.
Tras o remate do proceso participativo, procedeuse á edición das tres guías en formato descargable e tamén en arquivo sonoro. As guías poden ser consultadas no apartado de igualdade da páxina dacoruna.gal.
De forma complementaria, implementaranse accións formativas básicas en modalidade online e presencial en relación a cada guía, nas que se dará a coñecer a colección «Integra o xénero» e se traballarán de xeito práctico algún dos contidos. A primeira das accións formativas terá lugar o 24 de outubro en horario de 11:30 a 13:30 na Sala Juanjo Gallo e abordaranse contidos relacionados coa Guía 1. Esta acción formativa, ofrecerase en modalidade virtual o 26 de outubro no mesmo horario. Na web pode consultarse o resto de accións formativas e a forma de inscrición nas mesmas.