O Museo de Pontevedra acolle o encontro organizado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. O programa prestaralle especial atención á presenza dos nomes de lugares e persoas no cancioneiro popular
A relación entre os nomes propios e a cultura popular centra a VIII Xornada de Onomástica Galega, que acollerá este sábado, 21 de outubro, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O encontro, organizado pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra e o propio museo, prestaralle especial atención á presenza da antroponimia e da toponimia no cancioneiro, haberá tamén achegas relacionadas con onomástica e a antropoloxía e mais experiencias dende o mundo educativo. A cita rematará coa actuación musical de Tralo-Valo.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. As persoas que desexen recibir o certificado de asistencia poden aínda inscribirse ao longo deste mércores enviando un correo electrónico a publicacions@academia.gal cos datos que se indican no programa. Todas as sesións poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
A xornada será inaugurada ás 10:00 horas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora do Museo de Pontevedra, M.ª Ángeles Tilve; e a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora do programa.
A través da cultura popular, a cita profundará na relación da onomástica coa oralidade, explica Luz Méndez. «O eixo central, desta volta, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo», detalla. «Coma sempre e, ante todo, a xornada quere abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar», conclúe.
Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.
Na sesión da tarde a cantora, improvisadora e filóloga Alba María compartirá a súa experiencia co alumnado de secundaria traballando a relación entre os romances e a onomástica. A xornada rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Ariel Ninas na zanfona.