Avanzan as obras de mellora no parque infantil da Praza Elíptica dos Rosales

por Redacción A Coruña

Con esta intervención, o Concello da Coruña ultima o plan de remodelación en cinco áreas infantís da cidade

O Concello da Coruña comezou cos traballos de mellora previstos no parque infantil da Praza Elíptica do barrio dos Rosales, unha iniciativa promovida a través da Área de Economía e Planificación Urbana que permitirá a creación de dez novas prazas adaptadas na área de xogos, pasando así de 24 a 34 prazas en total nunha instalación con capacidade para 56 persoas usuarias.

A actuación, que está a executar o Servizo municipal de Infraestruturas, estase levando a cabo no sector leste do parque, onde se aproveitou un espazo baleiro para instalar un novo carrusel inclusivo semellante ao xa habilitado polo Goberno de Inés Rey na área infantil dos Xardíns de Méndez Núñez.

A estrutura deste carrusel de aceiro inoxidable, que permite o acceso ás e aos menores en cadeira de rodas, conta cun sistema de seguridade que garante a estabilidade das persoas usuarias no momento en que se fai xirar. Ademais do carrusel, na área de xogos infantís da Praza Elíptica xa se habilitou, anteriormente, un bambán-cesto integrador.

Ademais, en paralelo a esta actuación, Infraestruturas tamén está a renovar o pavimento de caucho na área de xogos onde están ubicadas a pirámide de cordas e a corda tirolesa do parque infantil dos Rosales, dous dos elementos usados máis habitualmente polas pequenas e pequenos.

A esta iniciativa súmanse intervencións similares xa levadas a cabo este ano noutros parques infantís da cidade: na praza de Pontevedra, avenida Ribeira Sacra (Novo Mesoiro), o parque Casares Quiroga (Elviña) e o parque de Vioño.

En todos eles, o Goberno de Inés Rey está a acometer -ou xa concretou, en función de cada caso-, unha remodelación integral dos viarios de acceso ás instalacións de xogo, ademais de diversas melloras no pavimento, mudando os pisos de area existentes, nos casos precisos, por un firme de caucho, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos.

Co obxectivo de completar estas cinco actuacións repartidas polos barrios da cidade, o Concello da Coruña levou a cabo un investimento de 210.730 euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario