O espazo cultural da UDC, NORMAL, inaugura mañá “Ante a Inminencia”, unha exposición do artista galego Rubén Santiago

por Redacción A Coruña

A mostra está comisariada por Susana González, fundadora de Consultarte e directora da Colección de Arte e Museo Virtual da Fundación María José Jove

O espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor), acolle desde mañá xoves, 19 de outubro, a exposición “Ante a inminencia”, do escultor sarriense Rubén Santiago.

A mostra, organizada pola UDC, abrirase ao público ás 20:00 horas e contará previamente, ás 11:00 horas da mañá, cunha visita guiada dirixida aos medios de comunicación.

Segundo explica Susana González, na Coruña, a relación entre a auga e a cidade viuse influenciada pola súa xeografía costeira, que se adentra gradualmente no mar, así como pola histórica escaseza de auga doce, que levou a prácticas de abastecemento especulativas.

O artista escolle o Castelo de San Antón, un espazo que para el garda lazos afectivos, onde o seu tío avó foi encarcerado en 1937 acusado de participar no incendio da casa dun cura na provincia de Lugo. Santiago mestura a súa memoria persoal e familiar coa ficción, visualizando o alxibe do castelo como o posible “calabozo” onde o seu familiar tería permanecido semisomerxido durante anos. Esta illa de auga doce non só recolle as augas pluviais, senón que tamén desempeña a función de pozo dos desexos, onde os visitantes concretan as súas peticións.

Realiza así unha transferencia física e metafórica destas memorias e desexos cara ao ámbito público e ao espazo común da sala expositiva. Para acadalo, retira a auga, encapsulando 150 litros en 10.000 viais de vidro e drenando o resto ao mar. Os viais, de 15 mililitros cada un, conteñen auga estancada, posiblemente contaminada e preséntanse como dispositivos medicinais na sala. Convida aos visitantes a tomar unha unidade como xesto simbólico, cuestionando a noción de obxecto artístico, o papel da institución como “depósito” de capital intanxible e convertendo o vial nun signo de agradecemento e compensación pola visita.

En simultáneo, durante noites consecutivas, procede a retirar as moedas. Este acto de baleirar unha tonelada de moedas dunha institución pública e poñelas ao servizo da cidadanía desafía o sistema, cuestionando as súas normas e estruturas. Santiago reverte a situación propoñendo a transformación da suma deses desexos individuais nun posible recurso colectivo. Para iso, propón á cidadanía unha votación popular non vinculante que permita determinar o seu posterior destino.

O proxecto destaca consideracións sobre o valor do cambio e o valor do uso, asociados co intercambio, a utilidade ou o beneficio dun ben (arte/auga/diñeiro), e cuestiona a desaparición do obxecto debido á dixitalización monetaria, que restrinxe a autonomía persoal en favor do incremento da vixilancia e do control. Así mesmo, apela a outras inminencias de tipo ecolóxico e de supremacía social, relacionadas coa politización dos recursos hídricos e a desprotección do seu valor esencial.

Rubén Santiago

Naceu na localidade lucense de Sarria no ano 1974. Estudou escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e na Escola de Arte Massana de Barcelona. A súa práctica artística examina os mecanismos mediante os cales se forma a memoria colectiva, ao tempo que reflexiona sobre como as institucións regulan a concesión do valor simbólico. A súa obra abarca instalacións, proxectos contextuais e específicos, mecanismos en liña, traballos en vídeo, obxectos, publicacións e outros artefactos culturais.

Rubén, que adopta estratexicamente procesos a longo prazo e metodoloxías continuas, ve a súa práctica como unha experiencia estendida que impregna cada aspecto da súa vida diaria. As presentacións públicas do seu traballo convértense en ferramentas de negociación mediante as cales busca cuestionar e recalibrar as definicións do real.

Na actualidade vive e traballa en Porto, Portugal. Expón internacionalmente de xeito regular desde o inicio dos anos 2000. Ten presentado obras en espazos como o Van Abbe Museum, Eindhoven (Países Baixos), o Centre Pompidou, París (Francia), o CCCB (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona), CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) e CCEBA, Buenos Aires (Arxentina), entre outros. Tamén participou en programas de arte pública, así como en galerías e espazos experimentais e proxectos colectivos.

A súa obra atópase en coleccións do CGAC, Santiago de Compostela; Afundación, A Coruña; Mediateca do C.C. Montehermoso, Vitoria-Gasteiz; Fundação PLMJ, Lisboa (Portugal); Galería de Arte Luis Adelantado, Valencia, e coleccións privadas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario