A liberdade que non avanza. Por @Dulcecorcu

por Dulce Corcu

Non deixa de ser curioso que un partido político que só leva retroceso no seu programa de goberno -se por desgraza chegan a el- se chame «La libertad avanza» do arxentino Javier Milei, no que a súa candidata a deputada Lilia Lemoine vén de propoñer que ningún home asuma ocuparse dos seus fillos se ese é o seu desexo. Porque hai moita lurpia solta pinchando profilácticos para «enganchar» a pobres infelices que acaban sendo abocados a unha paternidade non buscada, que seica llo contaba súa avoa. Si, para a señora candidata é un choio quedar embarazada e despois vivir das «millonarias» pensións dun currante calquera, mentres se desmola para criar soa ao cativo e conciliar ca vida laboral. 

A súa proposta consiste en que antes dos quince días unha vez se saiba do estado de boa esperanza, a muller comunique ao pai se quere facerse cargo da criatura. Se di que non, queda eximido de toda obriga. Máis libre que calquera animal, dos que en moitas especies contribúen coas nais para sacar adiante á prole. Porque é a súa natureza. Na nosa, sempre hai alguén desposto a que uns teñan máis privilexios que outros. Extinguir os dereitos conquistados sobre todo pola loita feminina en Arxentina, ao igual que en España acontece con VOX e as súas alianzas co PP, é a esencia da ultradereita de Milei. Borrarnos do mapa e relegarnos a tarefas para as que creen, agás algunhas elixidas, fomos concebidas: cociña, crianza, coidados….O aborto, pecado e asasinato, así que nin por asomo é unha opción se o embarazo non é desexado neste caso pola muller. A sufrir e aguantar ou naceras home. É o que vén, a política cavernaria que triunfa entre desencantados e desinformados. Entre os fascistas de sempre e os novos dunha eterna «Rebelión na granxa» de Orwell. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario